A Feira Tradicional prende este domingo 11 de agosto a mecha festiva no municipio de Caldas que continuará coas súas festas patronais entre os días 13 e 16. Desde o goberno local do Concello sinalaban a súa satisfacción polo feito se que este 2024 cumpriuse un dos retos do mandato "impulsar a festa devolvendo a esencia e o explendor ao escenario acuático do Umia, que será o gran símbolo da nosa Semana Grande con moitas e moi diferentes actuacións", sinalou o tenente de alcalde Manuel Fariña.
Ás 11.00 horas abrirase no xardín botánico a XI edición da Feira Tradicional con participación de 65 postos, - todos os ofertados -, e acompañada de pasacalles coa charanga Os Encerellados de Campolameiro, o grupo de gaitas As Espiñas e cabezudos. Tamén haberá demostracións artesanais ou actuacións musicais, entre outras e que inclúe a tradicional comida popular a partir das 14.00 horas na Carballeira. A Feira estará aberta ata as 21.30 horas.
Pola tarde, a partir das 16.00 horas volverán saír pasacalles e charanga, e á 18.00 actuación da Agrupación Folclórica Celme no escenario acuático. Ás 19.00 contacontos con Cris de Caldas e ás 20.00 horas conxuro e degustación de queimada amenizada por Os Encerellados. A última das actuacións no escenario acuático será ás 20.30 horas coa Agrupación Folclórica Usanza Aragonesa de Zaragoza.
Durante toda a xornada dominical ofreceranse demostracións de talla con motoserra, talleres de tiro con arco, de xoguetes, actividades infantís, photocall, caricaturista, xogos populares, tren turístico e no Auditorio a exposición GSC Petrum.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.