As festas de verán de Caldas, un "rotundo éxito" con alta asistencia a todos os actos

Umia
19 de agosto 2024

"Poucas veces se viu tanta xente na rúa, se é que algunha vez se conseguira antes isto", sinalou Manuel Fariña, e destacou que o cheo foi "notorio" desde os primeiros compases da semana grande. Asegura que varias ducias de milleiros de persoas, entre locais e visitantes, pasaron tanto polos concertos como polo campo da festa

Concerto durante as festas de verán de Caldas
Concerto durante as festas de verán de Caldas / Concello de Caldas de Reis

Un "rotundo éxito". Así valorou o tenente de alcalde de Caldas, Manuel Fariña, a boa acollida de todas as actividades do programa das festas de verán do municipio.

Fariña destaca a "altísima" asistencia tanto aos concertos como aos actos tradicionais da programación superior á habitual. "Ata os pasarrúas levaban grande cantidade de xente. Realmente foi unha semana espectacular", sinalou

"Poucas veces se viu tanta xente na rúa, se é que algunha vez se conseguira antes isto", sinalou, e destacou que o cheo foi "notorio" desde os primeiros compases da semana grande cos actos e eventos previos na Feira Tradicional.

Así, asegura que varias ducias de milleiros de persoas, entre locais e visitantes, pasaron tanto polos concertos como polo campo da festa.

Destacou a participación na actuación de Sés, máis de 2.000; Xabier Díaz, preto de 2.000; ou, e da Banda de Caldas con Serafín Zubiri, con máis de 4.000. Este concerto foi, para o concelleiro, "a gran atracción das festas, un acerto sen paliativos".

Tamén as verbenas foron un "éxito", en especial as actuacións de América, Panorama e do Combo Dominicano, que "abarrotaron a vila".

Segundo o Concello, a Ponte da Ferrería, o malecón e a carballeira estiveron cheos de xente para asistir ao espectáculo pirotécnico do Combate Naval. 

Manuel Fariña destaca que o maior número de felicitacións ao Concello pola organización das festas de verán deste ano chegou "sen dúbida" pola recuperación do escenario acuático no Umia. "O feedback foi impresionante. A xente estivo realmente encantada coa recuperación do palco do río. Era un soño poder devolverlle a Caldas unha icona das festas que se botaba moito en falta. A acollida non puido ser mellor", sinalou.

"Demostramos que co palco no río temos un dos mellores auditorios do mundo", sinalou o edil do BNG.