A Festa da Investigación de Tomeza celebra a súa sétima edición en beneficio da Fundación de Medicina Xenómica

Pontevedra
19 de outubro 2023

O centro social de Lusquiños acollerá este vindeiro sábado 21 de outubro nunha nova edición da festa. Será ás 19.00 horas e Loli Beloso aproveitará para presentar o seu novo libro, o primeiro poemario, integrado por poemas íntimos adicados á súa familia e que se titula 'Criaturiña'

Sétima Festa da Investigación de Tomeza
Sétima Festa da Investigación de Tomeza / Loli Beloso

O centro social de Lusquiños acollerá este vindeiro sábado 21 de outubro unha nova edición da Festa da Investigación de Tomeza, unha cita organizada pola pontevedresa Loli Beloso que xa chega á súa sétima edición.

Esta nova Festa da Investigación terá, de novo, fins altruístas e toda a recadación irá destinada á Fundación Galega de Medicina Xenómica que dirixe Ángel Carracedo, catedrático de Medicina Legal na Universidade de Santiago de Compostela. 

A cita será ás 19.00 horas e estará dedicada ao intelectual galeguista Isaac Díaz Pardo e a Carmen Arias de Castro, Mimina, debuxante, responsable da liña de xoias de Sargadelos e a súa compañeira de vida.

Loli Beloso, organizadora, explicou que a festa deste 2023 terá como presentadora a María Diaz e contará coa presenza de Ángel Carracedo, o arquitecto César Portela, o pintor Rafa Betanzos, o debuxante Martín Fresco e Mario Rodríguez, propietario de Cerámica da Ulla

Durante o acto, Loli Beloso aproveitará para presentar o seu novo libro, o primeiro poemario, integrado por poemas íntimos adicados á súa familia e que se titula 'Criaturiña', o nome co que a chamaba o seu pai adoptivo. 

Tamén presentará un bosquexo da Virxe Peregrina para Cerámica da Ulla que vai elaborar esta empresa de cerámica galega. Ese día, despois da presentación, entregará o bosquexo a Mario Rodríguez. 

O acto incluirá un sorteo dun bolso solidario e un recital poético de Leonardo Tomás Sánchez Rojas, Carlota Chan Reguera, Isabel Baena Serantes e Xiana Vidal García. 

A parte musical correrá a cargo do cantautor de Combarro Miguel Martínez.