A Festa do Mar trasládase de Combarro a Raxó para a súa recta final

Poio
25 de agosto 2021

Tras unha animada fin de semana en Combarro, a Festa do Mar entra na súa recta final. Farao cunha chea de actividades lúdicas e culturais que se celebrarán entre o xoves 26 e o sábado 28 de agosto noutra parroquia do municipio, a de Raxó

Pasarrúas en Combarro Concello de Poio

Tras unha animada fin de semana en Combarro, a Festa do Mar entra na súa recta final. Farao cunha chea de actividades lúdicas e culturais que se celebrarán entre o xoves 26 e o sábado 28 de agosto noutra parroquia do municipio, a de Raxó.

Exposicións, concertos, pasarrúas e espectáculos infantís protagonizan esta parte da vixésima edición da Festa do Mar, que é un dos eventos estrela da programación Verán en Poio 2021.

Unha das citas máis agardadas será este xoves, a partir das 22.00 horas, nas inmediacións do Centro Cultural Xaime Illa. Será alí onde o grupo canario Efecto Pasillo ofreza un concerto para o cal xa non quedan entradas dispoñibles desde hai varios días.

Ademais de ter aforo limitado, os asistentes deberán estar sentados coa máscara posta e sen poder consumir bebidas nin comida.

O programa estrearase pola mañá coa apertura das exposicións, que estarán abertas ao público ata o sábado e que xa resultaron todo un éxito en Combarro, e un pasarrúas a cargo de integrantes da Escola de Música Tradicional de Poio (19.30 horas).

Con respecto ao venres 27, ás 19.30 horas haberá un pasarrúas a cargo de Vides Novas, mentres que o peirao acollerá ás 20.00 horas un espectáculo de clown. Pola noite, ás 22.00 horas, haberá un concerto da orquestra La Ocaband, con entrada libre ata completar aforo.

Xa o sábado 28 a Escola de Música Tradicional de Poio volverá percorrer as rúas de Raxó coas súas pezas musicais (12.00 horas) e pola tarde haberá unha navegación tradicional pola ría (17.00 horas), antes de que Os Queimatasas realicen un pasarrúas e o peirao acolla o espectáculo música infantil Martiña Soñadora.

A charanga Europa será a encargada, ás 21.00 horas, de pechar o programa da Festa do Mar.

De cara a todas estas actividades, habilitaranse aparcadoiros disuasorios durante estas xornadas, en parcelas particulares cedidas para a ocasión.

O goberno local estima que se poderá dar cabida a entre 80 e 100 vehículos aproximadamente e expresa o seu agradecemento ás persoas propietarias destas fincas pola súa colaboración.