A Festa do Petote cumpre "sobradamente" cos seus obxectivos e enche Cerdedo-Cotobade de "seguidores incondicionais"

Cerdedo Cotobade
12 de marzo 2023

A XIII Festa do Petote que se celebrou durante esta fin de semana desprazou ata Cerdedo-Cotobade a centos de persoas amantes desta comida e encheu de comensais tanto a Praza da Chan de Carballedo como os dez restaurantes adheridos á celebración

XIII Festa do Petote
XIII Festa do Petote / Concello de Cerdedo-Cotobade

A XIII Festa do Petote que se celebrou durante esta fin de semana desprazou ata Cerdedo-Cotobade a centos de persoas amantes desta comida e encheu de comensais tanto a Praza da Chan de Carballedo como os dez restaurantes adheridos á celebración. 

 O alcalde, Jorge Cubela, confirmou este domingo ao remate da degustación popular do petote con chourizo organizada polo Concello na Praza da Chan que a valoración do evento é moi positiva "xa que respondeu axeitadamente ás expectativas creadas".

Cubela sinalou que a pesar de que durante a xornada do sábado as condicións meteorolóxicas non animaban a ir de festa, o bo tempo deste domingo e a existencia de "seguidores incondicionais" axudaron a que todo resultara un éxito e a festa "cumpriu sobradamente cos seus obxectivos de promocionar gastronomicamente o noso municipio, os establecementos hostaleiros participantes e favorecer a atracción turística e mesmo a dinamización económica a través do fluxo de visitantes que crea este evento".

Cubela tamén insistiu en que desde o Concello "aspiramos a mellorar e a seguir elevando o listón desta festa".

A Praza da Chan de Carballedo foi o epicentro da celebración gastronómica, pois alí repartíronse gratuítamente racións de petote acompañadas de chourizo e cacheira e a festa estivo animada pola música da Charanga Charandonga.

A carpa  "estivo ateigada de público para dar boa conta do petote, os chourizos e a cacheira preparada magnificamente polos nosos colaboradores", destacou Cubela.

Jorge Cubela participou na degustación gratuíta ofrecida polo Concello acompañado polos tenentes de alcalde Fernando Vázquez e Lourdes Ovelleiro, o concelleiro Pepe Pichel, a concelleira Galiza Aguete e membros da Corporación Municipal.

A xornada comezou coa animación musical a cargo da Charanga Charandonga polas rúas, deténdose diante dos establecementos onde se concentraba a xente para tomar ao aperitivo. 

A continuación, o público achegouse ata a decena de restaurantes colaboradores para degustar un menú pechado de cocido de Entroido con petote, bebida e sobremesa a un prezo xenérico e igual para todos de 23 euros por persoa.