A Festa do Petote, toda unha garantía de éxito

Cerdedo Cotobade
11 de marzo 2018

O mal tempo non permitiu sacar o evento ao exterior, tal e como estaba previsto, pero non minguou un chisco as ganas de gozar da popular celebración gastronómica no interior do pavillón de Carballedo, na que é xa a súa novena edición

IX Festa do Petote en Carballedo Diego Torrado

Nove anos dan xa para poder considerar unha celebración como unha cita obrigada, e ese o o caso da Festa do Petote de Cotobade, que este domingo 11 de marzo chegou á súa novena edición cun novo éxito de participación.

A mala climatoloxía non permitiu sacar o evento ao exterior, tal e como estaba previsto, pero non minguou un chisco as ganas de gozar da popular celebración gastronómica no interior do pavillón de Carballedo.

Os asistentes puideron comprobar o bo facer da cociñeira Carmen 'A de Perdiz', encargada nesta ocasión de elaborar o petote, gran protagonista da xornada.

Esta especie de pan feito de maneira artesanal con auga, fariña de millo e centeo e sal para ser engadido ao cocido outorga un sabor especial ao prato.

A organización serviu preto de 350 de racións, cun prezo de 15 euros para os adultos e de 5 euros para os nenos, que ademais puideron gozar de xogos inchables para amenizar a xornada. Todo ambientado coa música de varias agrupacións tradicionais que redondearon a experiencia no pavillón municipal.

Presente na festa o presidente municipal, Jorge Cubela, mostrou a súa satisfacción polo resultado "xa que cremos que houbo moita xente para o mal tempo que facía e ademais houbo máis animación que nunca".

De feito, nunha tregua da choiva, puido celebrarse no exterior parte do desfile de comparsas entre A Chan e o polideportivo. Participaron:  As Marchosas de Arcade, Os Solfamidas, O Bar de José, Os da Caña e Cor Café.