A Festa do Viño de Ribadumia estrea este ano un concurso de tapas

O Salnés
12 de maio 2023

O certame comeza o 17 de maio e conta coa participación de oito locais de hostalería  

Presentacion do concurso de tapas da Festa do Viño de Ribadumia
Presentacion do concurso de tapas da Festa do Viño de Ribadumia / Concello de Ribadumia

Este venres, o Concello de Ribadumia estivo presente na presentación do I Concurso de Tapas e Petiscos ‘En Ribadumia, tapa o teu baldón’, da Festa do Viño Tinto do Salnés e Exaltación das Variedades Autóctonas. 

Este acto estivo acompañado coa presenza de representantes da comisión organizadora da festa, concelleiros do goberno local e catro dos oito establecementos hostaleiros participantes nesta primeira edición.

O obxectivo deste proxecto é fomentar o consumo, dinamizar o sector e poñer en valor a oferta gastronómica de Ribadumia. Estas tapas ofreceranse ao público desde o 17 ata o 21 de maio, ambos inclusive, a un prezo de 1.50€. 

Durante estes cinco días, a veciñanza poderá consumir unha tapa e o establecemento entregaralle unha enquisa para facer a súa valoración. A puntuación de cada establecemento está composta dun 50% da valoración da clientela, e outro 50% por un xurado externo que visitará de xeito anónimo todos os establecementos participantes no concurso. 

Todas as persoas que precisen de máis información, poderán consultar as bases e criterios na páxina web municipal, as redes sociais ou chamando ás oficinas do Concello.