A finca da Coca-Cola disporá de 150 prazas de aparcamento público de balde

Poio
23 de agosto 2023

O Goberno local leva ao pleno extraordinario de agosto unha modificación puntual do PXOM na rúa Valiña que inclúe a creación dun aparcamento disuasorio, a dotación de zonas verdes, novos viais e un desenvolvemento residencial privado

Finca da Coca Cola Concello de Poio

O Goberno de Poio vén de anunciar a creación dun aparcamento disuasorio con máis de 150 novas prazas a disposición da veciñanza, na chamada "Finca da Coca-Cola", unha parcela de 6.000 metros cadrados na rúa Valiña, parroquia de San Salvador.

Farao mediante unha modificación puntual do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) que será aprobada no Pleno extraordinario de agosto previsto para o martes, 29, e que incluirá tamén a dotación de zonas verdes, a construción de novos viais e a execución dun proxecto residencial privado "que levaba anos agardando para facerse realidade". 

Nas próximas datas asinarase un convenio de cesión coa empresa propietaria para que o novo espazo de estacionamento estea en uso o antes posible.

A concelleira responsable de Urbanismo, Rocío Cochón, celebrou que o novo Goberno fora capaz de desatascar este proxecto en tempo récord "e seguir cumprindo un dos puntais do noso programa, a dotación de estacionamento, tan necesario para mellorar a calidade de vida dos veciños e aproveitar o potencial económico do Concello". 

Cochón subliñou que, só na zona adxacente ao novo estacionamento disuasorio viven máis de 1.500 persoas que poderán beneficiarse desta dotación "que ademais, grazas ás xestións do Goberno, terá custo cero para as arcas municipais".