A Fiscalía non ve delito no aluguer dos terreos da Canicouva e arquiva a denuncia do PP

Pontevedra
15 de febreiro 2023

A área de delitos económicos investigou durante un ano as presuntas irregularidades denunciadas polo Partido Popular no o contrato asinado entre o Concello e os comuneiros no ano 2015. O arquivo baséase na información facilitada polos servizos técnicos e o secretario municipal. Xa foi comunicado aos denunciantes

Rafa Domínguez e Pablo Fernández, do PP, nos terreos alugados polo Concello na Canicouva
Rafa Domínguez e Pablo Fernández, do PP, nos terreos alugados polo Concello na Canicouva / Partido Popular de Pontevedra

A Fiscalía de delitos económicos de Pontevedra decidiu arquivar a investigación aberta por mor da denuncia presentada polo PP local polo contrato de alugueiro dos terreos para a planta de compost da Canicouva está baixo a lupa da Fiscalía. 

A área de delitos económicos investigou durante un ano as presuntas irregularidades denunciadas polo Partido Popular no o contrato asinado entre o Concello e os comuneiros no ano 2015. Finalmente, segundo puido saber PontevedraViva, tras chamar a declarar a todas as partes implicadas e realizar as correspondentes investigacións, non ve delito.

A decisión da Fiscalía baséase, segundo fontes xudiciais consultadas, na información facilitada polos servizos técnicos e o secretario municipal de Pontevedra, que prestou declaración sobre os trámites administrativos realizados. Tamén declararon responsables políticos e técnicos. 

O PP denunciou en novembro de 2021 ante a Fiscalía a posible ilegalidade cometida polo goberno municipal ao aprobar un último pago de 20.000 euros co contrato xa vencido. Unha vez recibida a denuncia, o fiscal Jesús Cales, da área de delitos económicos, investigou todas as vertentes posibles deste caso e acordouno co resto do seu equipo.

Finalmente, optou polo arquivo. Segundo puido saber este xornal, xa hai semanas que lle comunicaron a decisión ao PP como denunciante. 

O fiscal requiriu ao Concello toda a documentación administrativa do expediente deste contrato para analizar todos os detalles e comprobar se, como aseguraba o PP, existía algún tipo de irregularidade ou ilícito penal. O portavoz do PP, Rafa Domínguez, entendía que da actuación municipal dedúcese que se cometeron os delitos de prevaricación e malversación de fondos públicos. Con todo, o fiscal non ve delito ningún. 

O goberno municipal defendeu desde un principio a actuación do Concello con respecto a este contrato e mantivo que a Fiscalía "pode investigar o que queira" acerca deste expediente porque "non van atopar nada".