A Fiscalía pide 15 anos de prisión para un home por estrangular a súa muller e intentar electrocutala

Pontevedra
13 de setembro 2014

O tribunal da Sección Cuarta tamén xulgará o día 18 a un home acusado dun delito continuado de agresión sexual. O fiscal pide 17 anos de prisión para un home ao que acusa de ter mantido relacións sexuais coa filla menor da súa parella sentimental, que está declarada xudicialmente incapaz e ten diagnosticado un atraso mental

Audiencia Provincial de Pontevedra Mónica Patxot

A Sección Cuarta da Audiencia provincial de Pontevedra sinalou para o próximo martes día 16 un xuízo por asasinato en grao de tentativa. Procede do Xulgado de Violencia sobre a Muller de Vigo.

Acúsase un home de botar un calefactor á auga cando a súa muller estaba na bañeira coa intención de electrocutala. Posteriormente, como ela puido chegar ata o cuarto, presuntamente estrangulouna ata que ela quedou inconsciente, o que provocou que entrase en estado de coma. O fiscal pide 14 anos, 11 meses e 29 días de prisión.

DELITO DE AGRESIÿN SEXUAL

O tribunal da Sección Cuarta tamén xulgará o día 18 a un home acusado dun delito continuado de agresión sexual. Procede de Porriño.

O fiscal pide 17 anos de prisión para un home ao que acusa de ter mantido relacións sexuais coa filla menor da súa parella sentimental, que está declarada xudicialmente incapaz e ten diagnosticado un atraso mental. Presuntamente contaxiouno ademais unha infección de transmisión sexual.

DELITO CONTRA A SAÿDE PÿBLICA

Pola súa banda a Sección segunda ten fixado para o día 16 un xuízo contra unha parella acusada dun delito contra a saúde pública. O caso procede do xulgado número 3 de Vilagarcía. Acúsaselles de depositar droga destinada á venda nunha vivenda. No rexistro realizado a policía encontrou unha báscula de precisión e 45 gramos de cocaína.

O fiscal pide para el cinco anos de prisión e multa de 10.000 euros e para ela catro anos de prisión e multa de 7.000 euros.

Esta mesma sala sinalou para o xoves día 18 outro caso procedente do mesmo xulgado, se ben neste caso a Fiscalía e a Defensa teñen aberta unha negociación para un posible acordo de conformidade.

O Ministerio Público rebaixaría a petición de pena, que inicialmente é de catro anos de prisión e multa de 70.000 euros se o acusado se recoñece autor dun delito contra a saúde pública. Aplícaselle o atenuante de drogadicción.

O acusado foi detido pola policía cando portaba no seu vehículo preto de 800 gramos de MDMA.