A Fiscalía pide un ano de prisión para Louzán por un delito de aceptación de suborno

Pontevedra
10 de xullo 2016

O fiscal presentou no Xulgado de Cambados, que instrúe o caso dos supostos sobrecustos de tres baixos en Vigo, un escrito de acusación no que tamén pide que a esposa de Louzán, Teresa Cores, cumpra nove meses de prisión como cooperadora  necesaria e o ex deputado do PP Severino Reguera, un ano por suborno impropio  

Rafael Louzán á súa chegada aos xulgados de Cambados
Rafael Louzán á súa chegada aos xulgados de Cambados / Mónica Patxot

O ex presidente da Deputación de Pontevedra e do PP provincial, Rafael Louzán, poderá chegar a ser condenado a unha pena dun ano de prisión polo proceso xudicial aberto por mor dos supostos sobrecustos nos alugueres de tres baixos e a zona de Navia, en Vigo. A Fiscalía de Delitos Económicos da Audiencia Provincial presentou no Xulgado de Instrución número 2 de Cambados, que instrúe o caso, o seu escrito de acusación, no que sostén que Louzán é responsable dun delito continuado de suborno pasivo pola súa actividade á fronte do organismo provincial.

O fiscal sinala no seu escrito de acusación que Louzán debe ser condenado tamén á suspensión de emprego e cargo público durante dous anos e tres meses. De todos os xeitos, na actualidade, o procesado xa deixou todas as súas responsabilidades políticas e non ostenta cargos públicos. Ademais, pide o comiso dos tres locais comerciais dos que é copropietario xunto á súa esposa en Vigo.

O escrito diríxese tamén contra a esposa de Louzán, Teresa Cores Fernández, a quen considera cooperadora necesaria para que o seu marido cometese o suborno pasivo, e pide que sexa condenada a nove meses de prisión e 14 meses de suspensión de emprego e cargo público. O terceiro procesado no caso é o ex deputado do PP na deputación provincial por Pazos de Borbén Severino Reguera Varela, ao que pide que sexa condenado a un ano de prisión como autor dun delito continuado de suborno impropio que supostamente cometeu sendo deputado. 

Os feitos dos que lle acusa teñen a súa orixe no ano 2008, cando Louzán e Teresa Cores reservaron cinco locais na rúa Teixugueiras de Vigo e finalmente compraron tres por 460.122,5 euros e cederon a compra dos outros dous a Severino Reguera e a súa esposa. Para realizar a entrega inicial de diñeiro á empresa que lles vendeu os baixos, Severino Reguera prestoulles 103.748,42 euros.

Tras a compra, Teresa Cores asinou un contrato privado coa empresa Brunopán, da que é administrador Severino Reguera e que ten a sede en Ribadumia, para alugarlle os seus tres locais. O contrato asinouse en 2008 por unha duración de dez anos prorrogable e por un prezo de 3.584 euros e, segundo os datos da investigación da Fiscalía, excepto no ano 2008, no demais anos o prezo percibido polo arrendamento superou a amortización das cotas hipotecarias.

Unha vez alugados os locais, Severino Reguera uniunos cos seus, pasando a ser un local único. O fiscal conclúe que "o propósito inicial dos compradores era formar un único local, creando unha especie de sociedade encuberta entre eles". 

Segundo o escrito de acusación, a empresa Brunopán tivo perdas significativas nos anos 2011 e 2012 e, a pesar de todo, mantivo o prezo do aluguer, contrastando coa rebaixa de alugueres que se produciron froito da crise. Respecto diso, un informe da Garda Civil concluíu que nesa zona os prezos medios do aluguer sitúanse entre 6 e 12 euros o metro cadrado, pero os baixos de Louzán e Cores alugáronse por prezos que foron incrementándonse de 15,7 a 16,4 euros o metro cadrado. En total, entre 2008 e 2013 Brunopán pagoulles 89.026,74 euros máis do prezo nesa zona de Vigo, o que o fiscal cre que é "un premio inxustificado" ao matrimonio. 

Á vista de todos estes feitos, o fiscal, Augusto Santaló, conclúe que Louzán e a súa esposa compraron os baixos sabendo desde o principio que o prezo de compra e a hipotéca ían ser pagados pola empresa dunha persoa que tamén exerce cargo político na Deputación e no PP e cuxa proxección económica depende de Louzán. Na súa opinión, trátase dun "trato de favor" de Severino Reguera a quen entón era presidente da Deputación e do seu partido froito dunha operación de compra inmobiliaria que "se planeou entre os señores Reguera e Louzán e a súa esposa".

NOVA INVESTIGACIÓN 

Ademais, o fiscal achega na súa escrito información sobre unha nova investigación xudicial que implica a Louzán. Segundo sostén, as súas relacións con Reguera alcanzan a máis actividades e conexións que as relacionadas con Brunopán e os locais de Navia, entre elas, a adxudicación a unha empresa da curmá de Reguera de tres obras da Deputación Provincial, unha das cales está a ser investigada no Xulgado de Instrución número 1 de Pontevedra.