A folga de educación aprázase unha semana

Pontevedra
12 de setembro 2020

As organizacións sindicais CIG, CC.OO., STEG e CSIF como comité da folga convocada para o 10 e 16 de setembro acordan modificar o segundo día da convocatoria e deciden trasladala ao mércores 23 de setembro nunha xuntanza de urxencia mantida nas últimas horas

Concentración de CIG-Ensino, CCOO, STEG e CSIF na praza da Peregrina Mónica Patxot

As organizacións sindicais CIG, CC.OO., STEG e CSIF, que forman o comité de folga que desenvolveu a convocatoria do 10 de setembro e que tiñan prevista unha nova protesta o 16 de setembro, decidiron cambiar de data o segundo día da convocatoria e aprazala unha semana.

Desta forma, as catro organizacións sindicais debido ao cambio de data do inicio de curso en secundaria e resto de ensinos decidido pola Consellería de Educación que xestiona Román Rodríguez tomaban a decisión nas últimas horas de convocar a folga educativa o mércores 23 de setembro.

Os convocantes fan un chamamento ao profesorado de educación secundaria, bacharelato, formación profesional, os ensinos de artes plásticas e deseño, ademais das deportivas e todos aqueles ensinos de réxime especial para que se somen ao paro e reclamen a contratación de máis profesionais educativos e unha baixada na porcentaxe de número de estudantes por aula, entre outras medidas.