A Fundación Alexandre Bóveda reclamará no Parlamento institucionalizar a figura do mártir galego

Pontevedra
13 de agosto 2013

Este sábado 17 de agosto desenvolveranse diferentes actos en Poio e en Pontevedra en homenaxe á figura do insigne galeguista fusilado na Caeira

A Fundación Alexandre Bóveda agarda poder facer público o vindeiro sábado 17 o escrito que se vai presentar no rexistro do Parlamento de Galicia para reclamar a institucionalización da figura de Alexandre Bóveda como mártir galego e como "conseguidor do estatuto de autonomía", segundo afirmou o neto do insigne galeguista, Valentín García Bóveda, na presentación dos actos previstos para a celebración do Día de Galicia Mártir que se desenvolverán entre os concellos de Poio e Pontevedra.

Na presentación, Valentín García Bóveda indicou que non entendía a razón porque "a Xunta e o PP sempre se negaron a institucionalizar a figura de Bóveda" cando, sinalou, Galicia é hoxe unha autonomía grazas a el e ao "avó do actual presidente do Goberno". 

Os actos de celebración do Día de Galicia Mártir comezarán o sábado ás 13 horas coa ofrenda floral ante o monumento de Alexandre Bóveda na Caeira ao que asistirá Amalia, a filla do galeguista, os alcaldes de Poio e Pontevedra e representantes das Fundacións Castelao e Bóveda, ademais de familiares de represaliados.

Este ano o xantar trasládase ao Pazo da Caeira a partir das 14:30 e ás 19 horas no cemiterio de San Amaro está previsto, despois dunha misa, un acto cívico onde falarán o director do proxecto que este ano recibe o oitavo Premio da recuperación da memoria que vai a mans da Universidade de Santiago polo traballo Nomes e Voces, unha investigación sobre os datos das vítimas represalidas en Galicia. Tamén, na liña de contar coa colaboración de poetas e escritores, Rodrigo Cota intervirá nese acto en memoria da figura do galeguista fusilado na Caeira.

A concelleira de Cultura de Pontevedra, Anxos Riveiro, indicou que o acto político será a partir das 20 horas na Praza de Curros Enríquez "para achegar máis os cidadáns a vertente política sobre o que Bóveda vivíu". O acto contará coa presenza do portavoz nacional do BNG, Xabier Vence, que reivindicará "a soberanía para o pobo como única maneira de saír da crise".

Silvia Díaz, concelleira de Cultura de Poio, sinalou que xa este mércores 14 no Pazo de Ferreirós ás 20:30 horas presentan o documental A Fazaña da liberdade que recolle "o que foi a vida de Bóveda con personaxes da súa época". Asistirán á proxección o director e o produtor do documental ademais de membros da familia de Bóveda.