A Fundación Amigos de Galicia comeza a distribuir alimentos entre organizacións de axuda social

Pontevedra
07 de xaneiro 2017

Esta Fundación colabora con doce colectivos da provincia que realizan actividades sociais atendendo a persoas en situacións económicas complicadas

Traslado de alimentos da Fundación Amigos de Galicia ao Asilo de Anciáns de Caldas
Traslado de alimentos da Fundación Amigos de Galicia ao Asilo de Anciáns de Caldas / Fundación Amigos de Galicia

A Fundación Amigos de Galicia iniciou a distribución das axudas entre asociacións, comedores e entidades de distintos puntos da provincia. Un traballo que seguirán realizando ao longo da próxima semana. 

Desde este entidade sen ánimo de lucro quérese axudar a persoas en situación de carencia de recursos económicos e destinará alimentos recolectados durante as últimas semanas ao Asilo de Anciáns de Caldas de Reis, Cáritas de Noalla, Asociación Con Eles (Vilagarcía de Arousa), Asilo de Cambados, Cáritas de Castrelo (Cambados), Cáritas de Vilagarcía de Arousa, Irmáns Pobres de Teis, Asociación Santiago Apóstolo de Cangas, Comedor Esperanza de Vigo, Cáritas de Noalla, Hermanitas dos Anciáns Desamparados de Vigo e Hermanitas dos Anciáns Desamparados de Tui.

Trátase de entidades coas que a Fundación xa colaborara en ocasións anteriores coa intención de prestar axuda a colectivos que traballan por unha causa social. O obxectivo é facilitar a cobertura a necesidades básicas de alimentación e aseo na vida cotiá a aquelas persoas que carecen de recursos, especialmente no caso de familias que contan con menores ao seu cargo.