A solidariedade da Fundación Amigos de Galicia con Pontevedra, en cifras

Pontevedra
24 de xaneiro 2017

Durante o ano 2016 repartiron 339.730,22 euros en alimentos, produtos de hixiene, mobiliario, xoguetes, material escolar e roupa, á vez que o seu servizo de orientación laboral atendía a 188 persoas. Atenderon a 321 unidades familiares compostas por un total de 994 persoas

Traslado de alimentos da Fundación Amigos de Galicia ao Asilo de Anciáns de Caldas
Traslado de alimentos da Fundación Amigos de Galicia ao Asilo de Anciáns de Caldas / Fundación Amigos de Galicia

A Fundación Amigos de Galicia puxo cifras á solidariedade que reparte a diario aos veciños de Pontevedra. Nun detallado informe referido á capital, revelaron que durante o ano 2016 repartiron 339.730,22 euros en alimentos, produtos de hixiene, mobiliario, xoguetes, material escolar e roupa, á vez que o seu servizo de orientación laboral atendía a 188 persoas. 

Segundo as cifras facilitadas, esta entidade atendeu durante o ano pasado a 321 unidades familiares de Pontevedra compostas por un total de 994 persoas, das que 552 son adultos e 442 menores.

Repartíronlles alimentos perecedoiros e non perecedoiros unha vez ao mes, produtos de hixiene persoal e limpeza do fogar, mobles, electrodomésticos, xoguetes na campaña de Nadal, lentes graduadas, vestimenta e material escolar ao longo de todo o ano. Cada unha destas familias recibiu unha media mensual de 185,8 euros.

Ademais, durante o último ano entregaron 3.039 euros en mobiliario e 759 euros en electrodomésticos na cidade e incrementaron a entrega de roupa, en especial de abrigo durante o inverno. 

En canto ao Servizo de Orientación Laboral da Fundación, 188 veciños beneficiáronse de varios proxectos de emprego elaborados pola Fundación coa colaboración do Concello de Pontevedra e a Deputación de Pontevedra. 

Parte da axuda que logo reparte entre os pontevedreses recíbea do programa municipal RedeAxuda. O ano pasado entregoulle 3.059 quilos de alimentos e produtos de primeira necesidade valorados en 9.591 euros, entre eles, 1.442 produtos de alimentación infantil, 809 produtos de hixiene, material escolar e cadeiras de coche para bebés.