A Fundación Amigos de Galicia realiza un novo envío de roupa e diverso material para o proxecto 'Ilusión por Angola'

O Salnés
28 de xullo 2020

Estímase que no prazo dun mes as Irmás Franciscanas de Luanda e Sumbe poderán dispoñer da remesa para entregala a persoas en situación de especial necesidade

Voluntarios da Fundación Amigos de Galicia
Voluntarios da Fundación Amigos de Galicia / Fundación Amigos de Galicia

Desde Vilaxoán, con destino á capital angoleña de Luanda saíu este martes un novo envío da Fundación Amigos de Galicia para o proxecto 'Ilusión por Angola'. Esta vez a axuda que se destina ao país africano inclúe entre outros aveños roupa, material hixiénico, libros e material de labranza para traballar a terra. Estímase que no prazo dun mes as Irmás Franciscanas de Luanda e Sumbe poderán dispoñer da remesa para entregala a persoas en situación de especial necesidade e con especial hincapie entre menores.

“Para levar a cabo esta actuación é fundamental a colaboración de Caritas Interparroquial de Arousa, Caritas Diocesana de Santiago de Compostela e Caritas de Angola”, asegura Juan Luís Quintáns, presidente da Fundación Amigos de Galicia, entidade sen ánimo de lucro que integran persoas de Vilagarcía de Arousa e Santiago de Compostela.

Esta Fundación, con sede en Vilagarcía, realiza desde fai cinco anos envíos de diverso material de primeira necesidade a Angola, cando a misioneira vilagarciá, Sofía Quintáns foi destinada a Luanda para proporcionar educación aos mozos que non teñen acceso a unha educación básica. O seu actual destino atópase na cidade brasileira de Boa Vista onde atende a persoas enfermas en situación de extrema vulnerabilidade e que foron os destinatarios do anterior envío internacional realizado por Amigos de Galicia.