A Fundación Bóveda solicita ao Parlamento a creación dunha comisión de estudo sobre a Memoria Democrática de Galicia

Pontevedra
28 de xuño 2016

Coincidindo co 80 aniversario do plebiscito do Estatuto de Autonomía de Galicia, este martes 28 de xuño a Fundación anunciou publicamente esta iniciativa que durante os últimos meses xa foi presentada a cada un dos grupos políticos con representación na Cámara galega, que a acolleron con "ilusión"

Valentín García Bóveda i Ernesto Vázquez-Rey
Valentín García Bóveda i Ernesto Vázquez-Rey / Cristina Saiz

A Fundación Alexandre Bóveda solicita a creación por parte de todos os grupos políticos do Parlamento Galego, dunha comisión non permanente de estudo sobre a Memoria Democrática de Galicia.

Coincidindo co 80 aniversario do plebiscito do Estatuto de Autonomía de Galicia, este martes 28 de xuño a Fundación anunciou publicamente esta iniciativa que durante os últimos meses xa foi presentada a cada un dos grupos políticos con representación na Cámara galega, que a acolleron con "ilusión".

Valentín García Bóveda e Ernesto Vázquez-Rey, portavoz e secretario, respectivamente, da Fundación Alexandre Bóveda, trasladaron esta proposta que "entronca non con esa memoria do victimismo senón en positivo, recuperando os valores polos que traballaron esas vítimas".

Por este motivo queren que o Parlamento desenvolva ao redor desta comisión os "mecanismos de memoria pública" necesarios para que "a nosa xeración sexa capaz de xulgar os prexuízos que herdamos da anterior".

Así, desde esta Fundación consideran que o Parlamento Galego ten un "compromiso coa historia de Galicia" e por este motivo propoñen que o debate incida en asentar políticas públicas destinadas á recuperación da memoria democrática, "coa súa correspondente dotación orzamentaria". Ademais piden que esta comisión contribúa á expedición de declaracións de reparación e recoñecemento persoal para todas aquelas persoas que padeceron persecución e prisión ou violencia por razóns políticas ou ideolóxicas.

Igualmente piden que esta comisión contribúa á localización e exhumación de fosas e identificación dos cadáveres, "como exercicio inescusable de dignificación". 

Entre as súas propostas a Fundación Alexandre Bóveda inclúe a "resignificación" do conxunto patrimonial do Panteón de Galegos Ilustres "reconvertendo ese conxunto nun centro da memoria colectiva de Galicia". Tamén quere impulsar a retirada de símbolos e monumentos que "honran a memoria dos vencedores da Guerra Civil ou que conmemoran o conflito civil ou a ditadura".

O impulso á memoria das mulleres represaliadas e a creación dun Instituto da Memoria Democrática de Galicia, son outras das iniciativas propostas. Tamén recomendan ao Consello da Cultura Galega a creación dunha sección de Memoria Democrática que "impulse a divulgación e promoción dos valores democráticos en Galicia".

Finalmente a comisión deberá revisar a lexislación e a normativa en materia de arquivos para garantir o acceso a todos os fondos históricos, "axustándoa aos estándares internacionais aplicables".

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora