A furgoneta máis solidaria recolle 1.500 quilos de comida en 9 horas en Barro

Barro
14 de decembro 2021

En tan só nove horas, entre as 11.00 e as 20.00 horas do pasado sábado, a furgoneta de Johnny  Güimil logrou recoller 1.500 quilos de comida que xa foi entregada ao departamento de servizos sociais do  Concello de Barro e nos próximos días chegará ás familias con máis necesidades económicas

Recollida solidaria impulsada por Johnny Güimil en Barro
Recollida solidaria impulsada por Johnny Güimil en Barro / Johnny Güimil

A solidariedade moveuse esta fin de semana en furgoneta en Barro. Foi da man do veciño da localidade Johnny Güimil, que desde o inicio da pandemia da covid-19 destacou por amenizar o confinamento aos veciños do seu barrio coas súas festas confinadas e por poñer en marcha distintas iniciativas solidarias. Nesta ocasión, promoveu unha recollida solidaria de alimentos con gran éxito. 

En tan só nove horas, entre as 11.00 e as 20.00 horas do pasado sábado, recolleu 1.500 quilos de comida que xa foi entregada ao departamento de servizos sociais do Concello de Barro e nos próximos días chegará ás familias con máis necesidades económicas do municipio. 

A furgoneta de Güimil, Volkswagen Transporter branca e vermella, estivo aparcada na Praza do Concello e aí recibiu a solidariedade da cidadanía, que entregou todo tipo de alimentos non perecedoiros para que axuden a facer máis levadías esta festas a familias en risco de exclusión social.

Os quilos de solidariedade recollidos inclúen tamén produtos típicos destas épocas do Nadal como turróns.