A futura Praza do Pintor Arturo Souto, sen barreiras arquitectónicas e con plataforma única

Pontevedra
15 de xaneiro 2022

O proxecto, segundo destaca o goberno municipal, foi consensuado cos veciños e comerciantes, cos que se reuniron esta semana para explicarlles os detalles das obras que, se non hai imprevistos, comezarán este mesmo luns

Xuntanza do goberno municipal cos veciños da Praza Arturo Souto
Xuntanza do goberno municipal cos veciños da Praza Arturo Souto / Concello de Pontevedra

Tras completar a reforma integral de Loureiro Crespo, o Concello actuará noutro ámbito urbano dese barrio. Trátase da Praza do Pintor Arturo Souto, que mudará completamente de aspecto cuns traballos destinados a reforzar a accesibilidade desta zona.

O proxecto, segundo destaca o goberno municipal, foi consensuado cos veciños e comerciantes, cos que se reuniron esta semana para explicarlles os detalles das obras que, se non hai imprevistos, comezarán este mesmo luns.

A actuación permitirá eliminar todas as barreiras arquitectónicas da praza e habilitar unha plataforma única, recuperando o espazo para o uso libre das persoas.

Así, desaparecerá o carril de vehículos que bordeaba a praza. Unha vez rematada a obra, os vehículos poderán seguir accedendo ata o final deste espazo, pero deberán facelo limitando a velocidade, convivindo cos peóns e sen preferencia, ao non contaren cun paso de seu. 

Ademais, as laranxeiras da zona serán transplantadas a outro lugar da cidade, pois serán renovadas por outro tipo de arboredo.

Nese sentido, o edil de Obras, Demetrio Gómez, sinalou que non hai unha preferencia, pero que serán as que os técnicos poidan plantar no momento de remate da obra e dependerá da tempada e dos exemplares que haxa no viveiro.

Ante a actual situación sanitaria, sumada aos problemas de subministracións, o Concello non avanza unha data final para estes traballos, pero agarda que sexa o antes posible.