A reforma da contorna de Loureiro Crespo finalizará en maio debido ao atraso na subministración de materiais

Pontevedra
21 de febreiro 2022

Estas obras son prorrogadas durante cuatro meses despois de presentarse xustificacións dos provedores das dificultades no abastecemento derivado da situación pandémica. O Concello ten previsto ampliar os prazos e os importes de execución nos pregos de contratación para futuras obras municipais coa intención de que se presenten máis ofertas, segundo explicou Anabel Gulías, portavoz municipal

Reunión do concelleiro de Obras, Demetrio Gómez, con veciñanza e comerciantes da praza Pintor Arturo Souto
Reunión do concelleiro de Obras, Demetrio Gómez, con veciñanza e comerciantes da praza Pintor Arturo Souto / Concello de Pontevedra

O Concello de Pontevedra estableceu unha prórroga de catro meses para que as obras vinculadas á reforma da rúa Loureiro Crespo finalicen en maio de 2022, cando inicialmente o prego de condicións recollía que a súa conclusión sería en xaneiro deste ano. 

Anabel Gulías, portavoz municipal, afirmaba que esta decisión débese ás dificultades nas subministracións aos que se enfronta a empresa adxudicataria, Covsa, para poder cumprir os prazos. Os servizos municipais recibiron a xustificación dos provedores sobre esa dificultade para realizar a entrega do material. A representante do goberno local explicaba que non se rexistra un incremento no importe da obra senón que os problemas se limitan ás complicacións no abastecemento, provocados pola situación pandémica. Nestes momentos o proxecto está executado nun 90% e mantense pendente de pavimentacións e da renovación de servizos na rúa Ramón Cabanillas, segundo expuxo a representante municipal.

Segundo explicou Anabel  Gulías, nos últimos meses os servizos técnicos detectan este tipo de problemas, que terminan provocando que se presenten menos empresas aos concursos para a execución de obras. Por este motivo, anunciou que o goberno local revisará os pregos de contratación sobre o prezo e período de execución para próximos proxectos.

Apuntou a que a alza dos prezos das subministracións provoca axustar as obras a estes prezos e prazos que marca o mercado. Gulías explicou que se están ampliando as marxes e que se adoptou a decisión por parte da Xunta de Goberno para incrementar os prezos de licitación coa intención de que as ofertas sexan atractivas e poida incrementarse o número de licitadores para vindeiros proxectos.