Os axentes de Tráfico e do Equipo de Reconstrución de Accidentes da Garda Civil que investigaron a colisión entre o acusado do crime de Barro, José Eirín, e a súa vítima, Jéssica Méndez, desmontan a liña de defensa do procesado e confirman a tese que sosteñen as acusacións. Fronte á afirmación defensora de que se tratou dun accidente con consecuencias desafortunadas, as acusacións falan dunha intención de provocar un sinistro e matar á condutora do outro coche. Os gardas referendan esta última postura: "houbo unha conciencia e vontade do condutor de provocar a colisión".
A cuarta sesión do xuízo estivo centrada nas testemuñas peritos da Garda Civil e desarmou a liña de defensa. Un axente de Tráfico que acudiu ao lugar do accidente o 17 de marzo de 2022 en Constenla (Barro) afirmou que "non estabamos ante un accidente, senón ante un sinistro viario provocado de forma consciente e voluntaria". Fala de "embestida" (arremetida).
Este axente con 20 anos de experiencia en Tráfico, explicou que, cando os axentes acoden a un sinistro viario, danse conta se hai un "elemento sorpresivo, involuntario, unha infracción a unha norma que xerou ese sinistro", pero, neste caso concreto, "faltábanos ese elemento de imprudencia, ese elemento de infrinxir unha norma". Asegura que "non vimos por ningún lado indicios que nos fixesen pensar que ese feito era algo involuntario".
Estaban tan convencidos que esa mesma tarde do sinistro remitiron as dilixencias á Policía Xudicial para que o investigase como un feito delituoso.
Os dous do Equipo de Reconstrución de Accidentes de Tráfico están seguros de que "se non fixese unha manobra cara á dereita, non chocaría". Tras facer varias simulacións do accidente con distintas circunstancias, a súa conclusión foi que o vehículo do acusado circulaba pola N-550 de Barro cara a Caldas a 81 km/ e, cando quedaba "aproximadamente un segundo" para chegar ao momento no que a falecida estaba parada nun Stop, "realiza un xiro de volante á dereita para impactar co Seat Ibiza cun ángulo de 9 graos".
"Non estabamos ante un accidente, senón ante un sinistro viario provocado de forma consciente e voluntaria"
Descartan o fallo mecánico do vehículo e ven unha clara intención do acusado, que non levaba cinto de seguridade, para impactar coa falecida. Sostéñena, entre outras cuestións, en que os seus estudos revelan que "se podía realizar unha manobra de freado e minimizar consecuencias ou facer un xiro que evitase a colisión", pero o acusado non o fixo, nin freou nin cambiou a traxectoria, de modo que provocou o accidente.
Segundo estas conclusións, "non había indicios na calzada que fagan pensar" nesa manobra evasiva, tales como marcas de freado. Ademais, se frease, o vehículo cabeceaba e quedaría uns centímetros máis baixo do habitual, pero, neste caso, "estaba no mesmo nivel e non existía un cabeceo que dese a entender que freara".
Así mesmo, descarta que tentase frear porque "se o vehículo está a frear, ao chocar, lanza o outro vehículos cara adiante e quedan separados", pero "neste caso, non se dá esta circunstancia, quedaron unidos ata o final" e desprazáronse 16,6 metros desde o punto da colisión.
Ademais de ver a intencionalidade do acusado, tamén aseguran que a falecida non podía facer nada para evitar o fatal desenlace. "Non tivo posibilidade", aseguraron, de evitar a colisión.
Xa no lugar do accidente, fixéronlle a proba de alcoholemia e deu negativo e, mentres lle atendían no Hospital Quirón Saúde Miguel Domínguez, fixéronlle a proba de drogas e resultou negativa. A defensa alega que se desorientó polo efecto do tramadol, un opiáceo, pero non se pode demostrar porque este medicamento non se detecta no narcotest.
Un dos axentes asegurou que non notou mareado "en ningún momento" ao acusado e, cando lle preguntou como estaba, respondeulle "ben, dóeme o dedo". Logo preguntoulle que pasara e se se quedou durmido, que é agora a estratexia da defensa, pero el negouno nese momento. "Non, non, non, metéuseme", afirmou, insinuando que ela fora a causante do accidente, cuestión descartada polos especialistas.
Un aspecto central do xuízo baséase en determinar se existía un acoso previo do acusado á falecida que puidese apontoar a hipótese de que encaixou o seu coche co dela á mantenta. A defensa négao e afirma que foron "falsidades" que se empezaron a falar tras a súa morte, pero tres axentes confirman que, xusto despois do sinistro, mencionouse o tema.
"Lembro falar coa parella e díxome: isto mirádeo ben, mirádeo ben, porque foi el", explicou un durante a sesión de mañán. Outro axente de Tráfico, o instrutor das dilixencias, confirmou que o irmán e o noivo xa relataban esta situación de acoso ese día. "Contoume que iso xa se vía vir, que viña de atrás, que José Carlos acosáballe, que mesmo puxeran denuncias". O pai de Jéssica denunciou en 2019 que alguén picara as rodas do coche dela e sospeitaban de José Carlos Eirín, pero non tiñan probas.
Durante a sesión de tarde o xuízo, un terceiro axente, un motorista que acudiu ao lugar, tamén o confirmou. Segundo declarou, a parella de Jéssica, Ismael, relatoulle "que perseguía á súa muller e que xa tiveran mesmo que poñer cámaras no domicilio". Consultouno co irmán dela e confirmoullo.
Este garda civil tamén confirmou un enfrontamento entre o noivo de Jéssica e o acusado ese día mentres o segundo estaba na ambulancia. Segundo explicou, non escoitou a discusión, pero si que Ismael dirixiuse a el "cunha actitude ameazante". Con todo, tras ese encontro, preguntoulle a José Carlos Eirín se o ameazaba e díxolle que non.