A Garda Civil detén un mozo de Cambados por cultivo de marihuana en Vilanova de Arousa

O Salnés
07 de marzo 2016

O detido, que carece de antecedentes policiais, quedou en liberdade coa obrigación de presentarse no Xulgado de Instrución número catro dos de Cambados cando para iso sexa requirido

Marihuana intervida Guardia Civil

A Garda Civil detivo a A.M.R., de 18 anos de idade e veciño de Cambados como presunto autor dun delito de cultivo de cannabis sátiva.

Segundo informaron fontes oficiais da Benemérita, no trascurso das investigacións que, compoñentes do Posto Principal da Garda Civil de Cambados viñan realizando no marco das actuacións para a erradicación do cultivo de sustancias estupefacientes, procedeuse á aprehensión de 126 plantas de marihuana de entre 30 a 50 centímetros de altura e 650 gramos de inflorescencias, que se atopaban no anexo dunha nave industrial dedicada á carpintería, sita en Vilanova de Arousa.

Ademais incautáronse os aveños que para o seu cultivo e coidado había no interior do mesmo, como 2 ventiladores, 9 temporizadores eléctricos, 9 lámpadas de calor con lámpadas de 600 watts e pantallas reflectoras, 5 lámpadas de 600 watts, 2 higrómetros, un extractor de aire, unha balanza de precisión, un medidor de ph, 17 botes de produtos químicos destinados ao cultivo das plantas e un paquete de sementes.

Por todo iso a Garda Civil procedeu á detención do suposto propietario e coidador da plantación sendo conducido ás dependencias oficiais do Instituto Armado para a instrución das correspondentes dilixencias.

O detido, que carece de antecedentes policiais, quedou en liberdade coa obrigación de presentarse no Xulgado de Instrución número catro dos de Cambados cando para iso sexa requirido.