A Garda Civil intervén máis dun milleiro de paquetes de tabaco de contrabando na peaxe de Vilaboa

Vilaboa
25 de outubro 2021

Os feitos sucederon a pasada fin de semana no transcurso dun control selectivo dos vehículos na AP-9. Nun dos coches, que ía conducido por un veciño de Moaña, atoparon unha partida de tabaco que circulaba ilegalmente sen as preceptivas precintas fiscais. Está valorada no mercado en algo máis de 5.700 euros

La Guardia Civil interviene tabaco de contrabando en el peaje de Vilaboa Guardia Civil

A Garda Civil incautouse dunha partida de algo máis dun milleiro de paquetes de tabaco de contrabando nun control de vehículos á altura da peaxe de Vilaboa.

Segundo informaron fontes oficiais do Instituto Armado, os feitos sucederon a pasada fin de semana no transcurso dun control selectivo dos vehículos que circulaban pola autoestrada AP-9, no que participaron efectivos da Patrulla Fiscal e Fronteiras de Marín.

Nun dos vehículos inspeccionados, que ía conducido por un veciño de Moaña, a Garda Civil atopou unha partida de tabaco que circulaba ilegalmente sen as preceptivas precintas fiscais. 

Ao inspeccionar o vehículo procedeuse á aprehensión dun total de 1.180 paquetes de tabaco de diferentes marcas, que carecían deste requisito fiscal, valoradas no mercado en algo máis de 5.700 euros.

O tabaco intervido depositouse no ao almacén provincial de Tabacalera S.A., e o condutor e propietario do vehículo foi denunciado por vía administrativa ante a Administración de Aduanas e Impostos Especiais de Pontevedra, como presunto autor dunha infracción de contrabando.