A Garda Civil localiza en Madrid ao presunto autor dunha estafa online a un veciño de Cambados

O Salnés
16 de setembro 2020

As investigacións iniciáronse o pasado mes de xullo cando este veciño denuncia no Posto Principal da Garda Civil de Sanxenxo que fora vítima de varias estafas por Internet polo procedemento coñecido por "SIM swapping", mediante o cal conseguiron obter preto de 10.000 euros a través de varias transferencias fraudulentas das súas contas bancarias

Axente da Garda Civil diante dun ordenador
Axente da Garda Civil diante dun ordenador /

A Garda Civil investiga a un veciño de Madrid como presunto autor de, polo menos, unha das estafas online que sufriu recentemente un veciño de Cambados, por un montante de 10.000 euros.

Segundo informan fontes oficiais do Instituto Armado, as investigacións iniciáronse o pasado mes de xullo cando este veciño denuncia no Posto Principal da Garda Civil de Sanxenxo que fora vítima de varias estafas por Internet polo procedemento coñecido por "SIM swapping", mediante o cal conseguiron obter preto de 10.000 euros a través de varias transferencias fraudulentas das súas contas bancarias.

Mediante esta técnica "SIM swapping", o que buscan os delincuentes é acceder aos códigos de verificación que empresas, plataformas e entidades bancarias adoitan enviarnos aos nosos dispositivos móbiles.

As dilixencias instruídas entregáronse no Xulgado de Instrución de garda de Cambados, onde terá que comparecer esta persoa en calidade de investigado como presunto autor dun delito de estafa.

RECOMENDACIÓNS PARA EVITAR O "SIM SWAPPING"

Este procedemento delituoso vén propiciado pola obtención de información de carácter persoal das vítimas por parte dos delincuentes. Poderemos evitar a cantidade desta información que expoñemos diante de terceiros limitando a información que expoñemos nas Redes Sociais e non proporcionando datos diante de chamadas telefónicas que ofrecen premios ou produtos.

Tamén é conveniente esixir o borrado dos nosos datos persoais en servizos que xa non utilizamos e, por suposto, evitar o roubo ou o acceso de persoas alleas á nosa correspondencia.

A Garda Civil tamén recomenda manter activas as notificacións do noso provedor de servizos telefónicos (e-mail, sms) de forma que se nos alerte se alguén solicita un duplicado da nosa SIM. Ademas é conveniente prestar atención á perda repentina de cobertura nos nosos dispositivos móbiles e revisar a actividade nas nosas contas bancarias canto antes se vemos que os nosos móbiles deixan de funcionar.

Outra medida é establecer parámetros biométricos para validar as operacións (pegada dixital).