A Garda Civil puxo preto de 50 denuncias este fin de semana en Combarro

Poio
27 de agosto 2018

Na súa maioría por tenencia e consumo de drogas na vía pública e instruíronse 2 dilixencias por ilícitos penais, con 1 detido e 1 investigado.  

Operativo de seguridade polo Armadiña Rock Guardia Civil

Dúas persoas detidas/investigadas penalmente e preto de 50 denuncias por distintas infraccións administrativas, así como outras 10 infraccións de seguridade viaria, é o balance provisional das actuacións desenvolvidas pola Garda Civil, coa colaboración da Policía Local de Poio, con motivo do pasado festival  Armadiña Rock de  Combarro.

No amplo dispositivo de seguridade cidadá deseñado para achegar maior presenza policial e evitar calquera incidente que puidese xurdir, participaron preto dun centenar de efectivos policiais ao longo dos 3 días que durou o evento. No operativo, ademais da Policía Local de Poio, integráronse diversas patrullas d Seguridade Cidadá da Garda Civil pertencentes ao Posto Exterior de Pontevedra, que contaron co apoio da Patrulla Fiscal, a  USECIC, o Servizo  Cinológico e o Subsector de Tráfico.

Formuláronse 46 denuncias administrativas por distintos conceptos. A maior parte delas, 43 en concreto, foron por tenencia e consumo de estupefacientes na vía pública, 2 por desobediencia e falta de respecto aos axentes da autoridade, e 1 por actos de exhibición obscena na vía pública. En todos os casos a resolución dos expedientes sancionadores é competencia da Subdelegación do Goberno.

No ámbito penal instruíronse 2 dilixencias, unha por lesións leves e outra por tentativa de agresión sexual, cun investigado e un detido respectivamente.

O balance das actuacións péchase coa identificación de máis de 350 persoas como consecuencia das accións preventivas e realizáronse algo mais dun centenar de distintos auxilios e axudas prestadas ás persoas que o demandaron.