A horta urbana Leste dá os seus primeiros froitos

Pontevedra
11 de xaneiro 2014

A Asociación de Veciños Pedra do Lagarto-Manuel Quiroga en colaboración coa concellería de Zonas Verdes celebraron a recollida na denominada Horta Leste cunha laconada popular e o agasallo dunha pequena bolsa con plantas aromáticas

Xornada de colleita na horta urbana da asociación veciñal Pedra do Lagarto
Xornada de colleita na horta urbana da asociación veciñal Pedra do Lagarto / Mónica Patxot

Hai tres meses poñíase en marcha a denominada Horta do Leste, ante o local social da asociación veciñal Manuel Quiroga-Pedra do Lagarto, fronte ao Colexio Sagrado Corazón. Con esta horta urbana preténdese achegar aos cidadáns os ciclos dos vexetais comúns, a produción de alimentos e plantas ornamentais dunha forma sa e ecolóxica, ao mesmo tempo que se mellora o aspecto ambiental e paisaxístico da cidade.

E os veciños foron durante estes meses familiarizándose cos cultivos na súa contorna máis próxima. Despois da plantación e mantemento da horta, apoiada con cursos de elaboración de marmeladas caseiras e de plantacións en balcóns durante este venres 10 recolléronse os produtos obtidos.

A actividade acompañouse dunha laconada popular e o regalo dunha pequena bolsa con plantas aromáticas que formaban parte da horta coa idea de fomentar a confraternización entre os veciños da zona. A proposta é unha iniciativa da Asociación de Veciños Pedra do Lagarto-Manuel Quiroga en colaboración coa concellería de Cultura e Zonas Verdes.