Desde este luns a hostalería e restauración xa pode ofrecer servizo no interior dos establecementos mantendo limitacións de aforo e diversas medidas de prevención. Sen esta restrición, os locais do sector en Pontevedra responden de forma desigual e con múltiples perspectivas. Bares e cafeterías eran os primeiros en ofrecer esta dispoñibilidade. Hainos que seguen mantendo os negocios pechados. Entre os que abren, a opción que escolleron maioritariamente é a de espaciar as mesas ou inhabilitar algunhas das existentes.
Ramón comeza a semana almorzando no interior dun céntrico establecemento da praza de España porque na terraza todas as mesas estaban ocupadas. É o seu primeiro café sentado nunha cafetería desde marzo e antes de ir ao traballo, que non cesou na rama sanitaria á que se dedica. Na praza da Verdura, José está acompañado da súa muller e a súa nai, de avanzada idade e por ela preferiron tomar os seus cafés dentro do establecemento do que se declara "cliente habitual". Este hotel por agora o único que mantén pechado é o restaurante e na recepción este luns notan que se empezaron a animar as reservas para xullo e agosto.
Pasando ás taperías, o número de establecementos pechados é máis elevado; as que abriron e dispoñen de terraza teñen as mesas ocupadas e no interior, escasos clientes xa que as distancias mandan. Atopamos no centro histórico unha tapería que se prepara para a reapertura esta semana, farao coa metade do aforo, tanto dentro como fóra, ademais de con a metade do persoal traballando. Neste caso a volta á actividade "temos que facela con subida de prezos", unha circunstancia que se debate dentro do sector e que secundarán dependendo da decisión de cada negocio.
Na praza de Curros Enríquez, José Antonio reabre o seu local este luns desde mediados de marzo. Aproveitando as novas condicións para a hostalería realizaba algunhas reformas no interior e no exterior tivo que reducir o número de mesas. Polo momento non pensou en limitacións de tempo para os clientes que se acheguen a comer ou cear, confía no seu bo criterio e tamén en que progresivamente o ritmo de traballo se vaia normalizando.
Na praza das Cinco Rúas atopamos un negocio ao que a pandemia lle levou a abrirse á entregas a domicilio. Na fase anterior unicamente abriron a terraza un día e a falta de respecto ás normas por parte dos cidadáns fixo que decidisen volver pechar. Este luns montaban as mesas permitidas e habilitaban os espazos no interior con recordatorios das máximas hixiénicas a cumprir. O seu maior temor é o comportamento das persoas.
Evidénciase que a heteroxeneidade impera no sector de hostalería e restauración da cidade e nese crisol hai quen tamén se reiventan e readaptan completamente. Na rúa da Palma unha coctelería reaxustou os seus horarios ampliando as horas de día en detrimento de as nocturnas e ampliando a súa carta. O seu propietario, Luís López, abriu a terraza do seu negocio na fase anterior e aproveitaba o día de descanso deste luns para terminar de reconfigurar os espazos do interior do local. Coida ao máximo as condicións hixiénicas que ofrece ao cliente como as dispostas no establecemento; son tales que nos baños e a barra aplicou unha pintura antihongos.