Antes de que remate este ano 2022 comezarán dúas novas obras de humanización na parroquia de San Salvador. Trátase das actuacións previstas na Rúa Porteliña e na Rúa do Adro, nas que o Concello de Poio investirá case 400.000 euros, financiados co Plan Concellos da Deputación.
As dúas obras, segundo o edil de Urbanismo, Gregorio Agís, "darán un novo aspecto e garantirán moita máis calidade de vida para as numerosas persoas que viven nas proximidades".
A reforma da Rúa Porteliña, que custará 188.350 euros, será executada pola empresa Movimiento de Áridos y Construcciones Arosa; mentres que a da Rúa do Adro, que ten un orzamento de 196.000 euros, correrá a cargo da compañía Narom.
As actuacións centraranse na humanización e rehabilitación dunha zona moi degradada.
Procederase á mellora do pavimento, á adaptación de rasantes e á eliminación de barreiras arquitectónicas, apostando deste xeito por continuar consolidando a accesibilidade universal.
Apostarase ademais polo uso de novos materiais totalmente respectuosos coa contorna, ao tempo que se lle dará prioridade ao tránsito peonil, garantindo unha maior seguridade.
Para levar a cabo estas obras será necesario proceder á demolición do firme actual e da beirarrúa existente, adaptando as rasantes a unha nova plataforma única.
Os servizos básicos tamén serán renovados e instalados naqueles puntos onde se carecen deles.
O espazo pasará a contar cunha canalización destinada a saneamento nunha superficie duns 150 metros, na que se habilitará unha tubaxe de PVC, ademais de oito pozos de rexistro.
Con respecto á recollida de pluviais, habilitarase un colector PVC de 180 metros de lonxitude, acompañado de 16 acometidas domiciliarias, dez pozos de rexistro e sete sumidoiros para a recollida deste tipo de augas.
Os traballos culminarán coa dotación de servizos para telecomunicacións e a renovación do alumeado público, apostando por puntos de luz LED para unha maior eficiencia enerxética.