A I Andaina Concello de Campo Lameiro recada 2.552 euros para a Fundación Andrea

Umia
18 de setembro 2022

O donativo corresponden ao 50% da cota de inscrición dos 400 participantes e ás huchas ubicadas na saída e chegada da proba

I Andaina Concello de Campo Lameiro
I Andaina Concello de Campo Lameiro / Concello de Campo Lameiro

Éxito de participación na I Andaina Concello de Campo Lameiro celebrada este domingo.

Un total de 400 persoas participaron na proba, de 21,5 quilómetros de percorrido na súa opción longa e de 14 quilómetros na curta.

Tratábase ademais dunha xornada solidaria, na que se recadaron un total de 2.552 euros para a Fundación Andrea, de apoio a nenos e nenas con enfermidades de longa duración, crónicas ou terminais.

Esta cantidade correspóndese ao 50% das inscricións así como os fondos recolleitos nas huchas instaladas na Praza do Concello.

A marcha comezou con puntualidade ás 9.00 da mañá dándolle a saída aos 169 participantes no percorrido longo, e media hora despois aos 231 restantes. Os deportistas atravesaron dous importantes reclamos turísticos: o Parque Arqueolóxico da arte Rupestre (PAAR) de Campo Lameiro e o Sendeiro do Río Maneses. Ademais, os que decidiron emprender a opción longa puideron gozar da área recreativa de Penalba e dos petróglifos que hai situados nesa zona.