A Illa, Barro, Cambados e Campo Lameiro completan o 100% do Plan Concellos

Barro
20 de xullo 2016

O Plan Concellos entra na súa recta final. Os municipios pontevedreses están a completar a execución dos investimentos que aporta a Deputación e catro deles xa recibiron o 100 por cento dos cartos que tiñan asignados. É o caso de A Illa de Arousa, Barro, Cambados e Campo Lameiro, segundo informa o goberno provincial

Un dos parques infantís que hai en Barro Concello de Barro

O Plan Concellos entra na súa recta final. Os municipios pontevedreses están a completar a execución dos investimentos que aporta a Deputación e catro deles xa recibiron o 100 por cento dos cartos que tiñan asignados. É o caso de A Illa de Arousa, Barro, Cambados e Campo Lameiro, segundo informa o goberno provincial.

No caso da Illa de Arousa, o municipio recibiu un total de 399.793,94 euros. A última axuda, concedida mediante resolución presidencial, é de case 50.000 euros que serán destinados á apertura dun viario na travesía Entrecortiñas, unha actuación que vén integrada na liña 1, investimentos, do programa estrela do goberno provincial durante o exercicio 2016.

Con este plan, A Illa investiu 247.000 euros no acondicionamento da Escola de Pau, na pavimentación en Chasán e Testos e na recuperación da Praza do Charco; 14.000 euros en distintas actividades ambientais, un programa de prevención e atención á dependencia, as actividades culturais do Entroido 2016, a elaboración dun rueiro e unha campaña de prevención da violencia de xénero, e uns 88.000 euros para a contratación de 13 traballadores.

Pola súa banda, Barro recibiu case 29.000 euros más para unha actuación prevista no parque infantil de Cangrallo, polo que tamén completa os cartos que lle foron asignados neste plan, un total de 399.511,53 euros

Anteriormente, aprobáranse 266.000 para a mellora de viarios municipais, o saneamento de Fonte de Curro, de Piñeiro e de Valbón, actuar na pista deportiva de San Antoniño, pavimentar un viario en Sequeiros, reparar varios parques infantís e mellorar os accesos a Fonte de Curro e Porráns; 15.000 euros para o financiamento da XXXVII Festa do Viño de Barro e as actividades lúdicas "Barro 2016" e case 90.000 euros para crear 16 postos de emprego municipais.

A Cambados correspondíanlle, dentro deste Plan Concellos, 903.619,68 euros. Estes cartos quedaron completados ao 100% con tres actuacións: 50.000 euros para a dotación de biosaudables ao carón do parque infantil de Castrelo, 20.000 euros para a instalación de contedores soterrados na rúa Curros Enríquez e outros 20.000 euros para o ensanche do viario situado na rúa Cruceiro.

Así, preto de 432.000 euros destináronse á mellora dos servizos urbanísticos da rúa Bimbio, ao acondicionamento de viarios na parroquia de Vilariño, á mellora da superficie da pista de atletismo e das pistas de tenis do Pombal, ao soterrado dos tendidos eléctricos da rúa Real, á adecuación do quiosco de Torrado, á mellora da capa de rodaxe e dotación de beirarrúas en Burgáns, ao equipamento dun transformador nas inmediacións da Praza de Abastos, á estación de bombeo de augas residuais en Laxes e á pavimentación de camiños en Lourido e Sartaxes. 

Ademais, entregáronse uns 136.000 euros para o pagamento de gastos correntes, 34.000 euros para o financiamento de actividades do Nadal e do Entroido e 202.000 euros para xerar 29 novos postos de emprego no Concello.

Por último, Campo Lameiro recibiu un total de 361.447,89 euros ao completar o Plan Concellos cos 44.000 euros que se destinarán para o acondicionamento dos locais da Chanciña.

Esta cantidade súmase aos 236.000 euros para financiar o investimento da zona húmida artificial empregada para o tratamento de augas residuais e a fase final do saneamento no lugar de Paredes, o acondicionamento da beirarrúa situada no treito sur da rúa Bernardo Sagasta e a realización de obras de mellora no entorno rural da vila; e os 81.000 euros para a contratación de 14 persoas.