A Illa de Arousa súmase aos actos polo 8M

O Salnés
03 de marzo 2023

Con motivo da conmemoración do Día Internacional da Muller, o Concello de A Illa realizará unha concentración simbólica diante da Casa do Concello, a iluminará de lila toda a semana, e colaborará na marcha programada para a tarde do 8 de marzo

Cartaz da marcha 'Mulleres de Arousa pola Igualdade'
Cartaz da marcha 'Mulleres de Arousa pola Igualdade'

Con motivo da conmemoración do Día Internacional da Muller, o Concello de A Illa realizará unha concentración simbólica de 5 minutos diante da Casa Consistorial na que se repartirán 200 camisetas co lema '8M-Todos os días do ano!', elexido pola concelleira de Igualdade, Salomé Franco, para recordar a importancia da constancia no traballo neste campo os 365 días do ano.

Paralelamente, a fachada do edificio iluminarase de cor lila durante toda a semana próxima para visibilizar o compromiso arousán coas políticas de igualdade de xeito transversal en todas as accións políticas, sociais e culturais que se desenvolven desde a administración local.

Por último, o Concello tamén colaborará coa asociación Mulleres de Arousa, integrada na ACD Dorna, na marcha programada para a tarde do día 8 de marzo co lema 'Mulleres da Arousa pola Igualdade' e que sairá ás 17.30 horas do entorno do muelle do Xufre para continuar polo Campiño ata a Praza do Concello, onde darán lectura a un manifesto seguido dunha actuación musical que porá fin ao acto.

A programación completarase cun curso de fotografía en clave de Igualdade que a Concellería de Salomé Franco organiza para o 17 de marzo e que se prolongará ata o 19 de maio.