O Concello de A Illa busca a renovación integral do alumeado público en todo o termo municipal, sustituindo as actuais luminarias por outras led de baixo consumo. Para iso solicita ao Instituto pola Diversificación y Ahorro de la Energía (IDAE), dependente do Ministerio de Transición Ecológica, unha subvención de 953.925,20 euros.
O proxecto, tramitado desde a Concellería de Servizos que dirixe Luis Arosa, "cumpre con todos os requisitos para optar ás axudas europeas", que inclúen nas súas bases unha financiación do 100% do investimento e suporía para A Illa un aforro no gasto enerxético do 70%.
O estudio previo para tramitar a subvención sitúa o consumo de enerxía do alumeado público exterior en máis de 930.000 kWh, mentras que coa sustitución eléctrica situaríase en ao redor de 200.000 kWh. O mesmo ocorre coas emisións de CO2, situadas actualmente en máis de 330.000 kgCO2 e que se reducirían a pouco máis de 71.000.
Na memoria técnica recollen a renovación de 29 dos 33 cadros eléctricos de mando actuais desde os que se programa o funcionamento do sistema de alumeado público exterior nas rúas e prazas do municipio e que conta cun total de 1.564 puntos de luz, dos que sustituirían 1.120. O proxecto contempla tamén a sustitución de báculos e columnas deterioradas.
Esta transformación supón para Luis Arosa un importante salto cualitativo na prestación do servizo, xa que "todo estaría centralizado e o propio sistema alertaría dos fallos, polo que saberíamos case en tempo real que farola non está a funcionar". Este sistema permitirá, ademais, a posibilidade de regular a intensidade lumínica de xeito tecnolóxico.
Para Arosa, o proxecto é "moi ambicioso" e espera "contar cos fondos europeos para poder afrontalo" posto que esta medida "demostra o compromiso do goberno local coa sustentabilidade enerxética e coa necesidade de implementar medidas frente ao cambio climático".