A recollida de firmas en apoio á Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) impulsada pola plataforma SOS Sanidade Pública en defensa da atención primaria vai xa "disparada" en moitas zonas de Galicia como O Salnés e O Morrazo na área sanitaria de Pontevedra e Burela e O Barco de Valdeorras en Lugo e Ourense.
Así o asegurou este luns o portavoz da plataforma de Pontevedra, Juan Manuel Loureiro. Un grupo de integrantes de SOS Sanidade Pública deuse cita na praza da Peregrina para o inicio simbólico na capital da recollida de firmas. Aínda que xa leva meses recollendo firmas en toda Galicia, aínda non se realizou unha presentación oficial na cidade.
A plataforma busca, con esta ILP, impulsar "medidas urxentes" para "recuperar e fortalecer" a atención primaria, para "salvala" dunha situación actual que cualifican como "dramática".
A proposición non de lei por ILP que impulsan recolle que xa antes da pandemia o sistema sanitario galego arrastraba "unha serie de debilidades" que a crise da covid-19 non fixo máis que "agravar" pola falta de accesibilidade, as longas listas de espera dun "sistema saturado", a "indubidable fatiga" do persoal e a "escasa" participación da cidadanía no sistema.
Esta futura lei non pretende suplantar a Lei Galega de Saúde, senón implantar unha serie de medidas para revitalizar os mecanismos sanitarios de atención primaria como "parte esencial e distintiva do sistema sanitario público galego". Son todas medidas de carácter urxente dada a "gravidade" da situación da atención primaria, "en risco real de desmantelamento e privatización".
Ademais, os promotores desta ILP cren que estas medidas deberían ir acompañadas da recuperación dos recursos humanos recortados nos últimos anos, garantir a accesibilidade aos centros, desmasificar as consultas e acabar coas listas de espera, así como mellorar as condicións laborais do persoal.
Loureiro insistiu este luns, coincidindo con esta presentación simbólica, en que se pretende que a atención primaria teña "autonomía propia para que non se poida desmantelar".
A partir deste luns, deseñarase un calendario polo que instalarán mesas de recollida de firmas en todos os centros de saúde e puntos de atención continuada (PAC) co obxectivo de xuntar, en toda Galicia 20.000 ou 30.000 apoios. A ILP esixe 10.000, pero a súa intención é duplicalas ou triplicalas.
Desde a plataforma pontevedresa dan o seu apoio ao resto de áreas sanitarias e tamén queren apoiar de forma específica a mobilización prevista para o 14 de outubro en Vilagarcía de Arousa en defensa da sanidade pública.
Loureiro explicou que entre as zonas que "van disparadas" na recollida de firmas destaca, precisamente, O Salnés e e tamén O Morrazo e outras zonas máis periféricas da área sanitaria porque sofren máis directamente a deterioración da atención primaria, que insiste en que "non é un problema só do verán", senón dunha "improvisación" que atribúe ao Goberno da Xunta de Galicia.
En todo caso, aclara que desde a plataforma "non buscamos culpables, senón solucións".