O novo centro de saúde de Marín está pendente de que finalicen as obras complementarias para que se poida inaugurar. Segundo informa o goberno local, nestes momentos amplíase a capacidade da ponte, do muro pegado á fachada e a conexión entre a rúa e o frontal do edificio.
Estes traballos están a ser afrontados polo concello. Procédese tamén á colocación do novo mobiliario, á limpeza e acondicionamento dos espazos exteriores, ademais estase conectando a subministración de enerxía eléctrica que se está acometendo pola empresa Fenosa, segundo informa o Concello de Marín.
Os traballos atópanse dentro dos prazos previstos, aínda que o conselleiro de Sanidade anunciara que a inauguración do novo centro realizaríase en xullo. O goberno da alcaldesa Maria Ramallo ten previsto que estas obras finalicen na primeira semana de setembro e a partir de aí realizaríase o traslado dos dous centros de atención primaria na actualidade en Marín e centralizalos no novo edificio.
Está previsto que se reordene o tráfico coa organización dos sinais, o pintado e a mellora da contorna que sufriu estas obras durante os últimos meses.