A integración do Hospital Provincial na nova praza de Loureiro Crespo, lista en novembro

Pontevedra
18 de outubro 2016

O concelleiro Luís Bará desvelou que tras unha tramitación "complexa" ambas as partes acordaron un proxecto que permitirá afrontar unha serie de actuacións en materia de humanización que permitirán eliminar o actual peche do hospital

Muro de entrada do Hospital Provincial
Muro de entrada do Hospital Provincial / Mónica Patxot

O Concello de Pontevedra e o Sergas pecharon un acordo para integrar o Hospital Provincial no ámbito recentemente peonalizado en Loureiro Crespo, onde se creou unha gran praza pública enfronte o acceso principal ao centro sanitario.

O concelleiro Luís Bará desvelou que tras unha tramitación "complexa" ambas as partes acordaron un proxecto que permitirá afrontar unha serie de actuacións en materia de humanización que permitirán eliminar o actual peche do hospital.

As obras, que segundo os plans do Concello deberían estar terminadas en novembro, implicará a substitución do pavimento, a mellora da escalinata central, o arranxo dos accesos exteriores e o rebaixe do actual muro que será reconvertido nun banco corrido recuberto de madeira, eliminando o enreixado metálico.

O Concello asumirá a conservación e o mantemento de todo este espazo, incluído o pavimento e as zonas verdes.

Ademais, o goberno municipal deu licenza para trasladar a caseta de doazón de sangue, actualmente situada na entrada das urxencias infantís, á parcela reservada para estacionamento cara a Antón Fraguas.

Tras a súa retirada tamén se adaptará o espazo libre a todo este ámbito urbano.