Dentro da rolda de contactos que está a manter a nova delegada territorial da Xunta en Pontevedra cos alcaldes e alcaldesas da súa área, Luisa Piñeiro visitou este mércores o Concello da Lama, onde coñeceu as peticións que fai o seu goberno municipal.
O alcalde, Jorge Canda, explicou que un dos temas que maior interese ten para o municipio é o acondicionamento e ampliación do edificio consistorial, para o que esperan unha subvención que permita mellorar o espazo e a súa eficiencia enerxética e instalar un ascensor.
Ademais, Canda tamén mostrou a súa preocupación pola situación da ponte medieval sobre o río Xesta, danado polas últimas riadas.
Noutra orde de asuntos, o alcalde trasladou á delegada a situación actual do concello, que viu incrementar a súa poboación ante a situación de pandemia, xa que aumentou o número de veciños residentes en México que retornaron para quedarse este ano no concello, algúns incluso con nenos que se matricularon no colexio da localidade.
A este respecto, tamén apuntou que se está a notar un aumento do interese e a compra de terreos de xente da cidade que, tras o confinamento, quere contar cun lugar no rural onde poder ter a súa segunda residencia.
O encontro rematou coa visita ás obras que se está a executar no entorno dos pazos, na Praza da Pedreira e que conta co financiamento completa da Xunta de Galicia, 40.000 euros, a través da liña de axudas de mellora das infraestruturas turísticas no medio rural.