A Lama empeza a dicir adeus aos niños de avespa velutina denunciados polos veciños

A Lama
23 de outubro 2017

Operarios da Xunta de Galicia e do Concello da Lama iniciaron os traballos para retirar niños de avispas velutinas en diversos lugares do municipio. Ata o momento xa eliminaron os de Verducido e A Moa (Antas) e quedan pendentes intervencións en Xesta e Antas, entre outras

Retirada de niños de avespa velutina na Lama
Retirada de niños de avespa velutina na Lama / Concello da Lama

Operarios da Xunta de Galicia e do Concello da Lama iniciaron os traballos para retirar niños de avespas velutinas en diversos lugares do municipio. Ata o momento xa eliminaron os de Verducido e A Moa (Antas) e quedan pendentes intervencións en Xesta e Antas, entre outras. 

Segundo informou o Concello a través dun comunicado, o alcalde da Lama, Jorge Canda, supervisou persoalmente o inicio da retirada dos niños. Denunciáranos os veciños da zona, que están preocupados pola presenza destes insectos tan daniños para as colonias autóctonas de abellas produtoras de mel e o propio equilibrio do ecosistema.

Provistos de traxes e medidas de seguridade adecuados, os traballadores utilizaron nun caso o camión guindastre do Concello provisto de cesta e elevador para chegar a unha altura considerable dunhas árbores onde aniñaran as velutinas.

A operación de combate levada a cabo conxuntamente pola Xunta de Galicia e o Concello da Lama continuará nos próximos días atacando e retirando onde sexa posible os niños desta especie invasora localizados en Xesta, Antas e a propia parroquia da Lama.

O alcalde indicou que "sei que algunha xente tivo que agardar, pero estes traballos hainos que facer coordinadamente e con garantías para evitar que a praga se extenda e tamén facela por auténticos profesionais que coñezan perfectamente como atacalas e ter a maior eficacia e eficiencia posible".

Arquivado en