A Lama recorda ao Conde Cabanelas no 150 aniversario do seu nacemento

A Lama
09 de outubro 2017

Unhas duascentas persoas, na súa maioría veciños de Covelo, celebraron unha comida popular nas proximidades da Praza do Pobo para homenaxear a Manuel Barreiro Cabanelas, o Conde Cabanelas, con motivo do 150 aniversario do seu nacemento

Comida homenaxe ao Conde Cabanelas na Lama
Comida homenaxe ao Conde Cabanelas na Lama / Concello de A Lama

Unhas duascentas persoas, na súa maioría veciños de Covelo, celebraron unha comida popular nas proximidades da Praza do Pobo para homenaxear a Manuel Barreiro Cabanelas, o Conde Cabanelas, con motivo do 150 aniversario do seu nacemento.

Os asistentes ao evento deron conta dun becerro preparado á brasa. Desde as seis da mañá empezaron a cociñar a lume lento un magnífico animal que foi servido posteriormente entre os comensais.

A xornada estivo amenizada pola charanga Os Encerellados que animaron coa súa música e bo humor aos presentes que aproveitaron para botar uns bailes e favorecer unha mellor dixestión das viandas degustadas durante a xornada.

O evento realizouse na Praza do Pobo deseñada urbanisticamente precisamente polo propio Manuel Barreiro Cabanelas e nel participou practicamente todo Covelo, incluídos tamén varios dos seus familiares que aínda residen na zona.

O alcalde, Jorge Canda, destacou o papel altruísta que xogou o Conde Cabanelas na historia recente da Lama e tamén da provincia debido a que o conde, desde a emigración a Brasil, foi un filántropo como impulsor, entre outras obras da construción dunha das ás do Hospital Provincial, lugar onde tamén se atopa situada unha estatua na súa memoria.

Canda tamén enxalzou a preocupación do conde pola formación académica e persoal dos seus veciños co impulso da creación das colonias, unha institución educativa que foi revolucionaria no seu momento e que permitiu que moitos nenos sen recursos de Pontevedra puidesen tamén gozar de vacacións na parroquia de Covelo.

O rexedor destacou finalmente o labor urbanístico de Manuel Barreiro como promotor e deseñador do desenvolvemento do núcleo urbano de Covelo con rúas trazadas e ordenadas para dotar dun adecuado plan a unha aldea que naqueles anos carecía de todo, chegando mesmo a doar casas e diñeiro a parellas para que se instalasen na zona.