O Concello da Lama executa labores de acondicionamento nas localidades de Antas e Seixido aproveitando as obras de ensanche destas estradas que permiten mellorar o sistema de canalizacións de auga. Os operarios municipais reacondicionaron o paso das tubaxes para dispoñelas dun modo máis accesible en caso de avarías ou para acomodar novas acometidas.
Este martes os tenentes de alcalde, David Carrera e Jorge Méndez, visitaron as obras e atenderon a varios veciños que lle trasladaron diversas peticións co obxectivo de que o resultado final dos traballos satisfaga tanto as necesidades municipais como dos residentes destas parroquias.
Os traballos avanzan a bo ritmo e céntranse agora en realizar tarefas de conexión de subministracións, canalización de augas, remates de muros, entradas para camiños ou leiras particulares, así como favorecer a evacuación das augas das choivas procedentes de montes próximos.