A "lamentable situación" no centro de saúde de Moraña chega ao Parlamento da man do BNG

Umia
07 de decembro 2021

O deputado Luis Bará explicou que entre as iniciativas presentadas polo BNG no Parlamento destaca unha Proposición Non de Lei para debate en pleno no que se instará á Xunta a dotar dos medios necesarios ao centro de saúde e a dotalo de persoal

Visita de Luís Bará a Moraña
Visita de Luís Bará a Moraña / BNG de Moraña

O deputado Luis Bará visitou Moraña para avanzar e explicar as iniciativas presentadas polo grupo do BNG no Parlamento galego a respecto da "lamentable situación no centro de saúde". 

O deputado nacionalista explicou que entre as iniciativas presentadas polo BNG no Parlamento destaca unha proposición non de lei para debate en pleno no que se instará á Xunta a dotar dos medios necesarios ao centro de saúde e nomeadamente do seguinte persoal: servizo de pediatría, cobertura de praza de médica xubilada, cobertura a tempo completo de médica de baixa e recuperación de praza de celador amortizada. 

Os deputados do BNG tamén rexistraron varias preguntas para a súa resposta en comisión por parte dos responsables da Xunta de Galicia.

O voceiro municipal do Bloque, Marcos Suárez agradeceu "o intenso traballo que están a realizar neste eido os deputados nacionalistas en Santiago" e asegurou que "dende o BNG seguiremos traballando en todas as frontes para revertir os recortes no centro de saúde e poder acadar unha atención sanitaria digna para todas e todos os veciños de Moraña, sen desbotar ningunha iniciativa ou alternativa mobilizadora".

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora