Cuntis e Moraña unirán forzas ante a "deficiente" atención sanitaria na comarca

Umia
10 de decembro 2021

As concentracións diante do centro de saúde de Cuntis continúan. Ás 13:00 horas deste venres centos de persoas sumáronse á manifestación convocada co fin de denunciar a "deficiente atención sanitaria que está a recibir o municipio"

Concentración diante do centro de saúde de Cuntis
Concentración diante do centro de saúde de Cuntis / Concello de Cuntis

As concentracións diante do centro de saúde de Cuntis continúan. Ás 13:00 horas deste venres centos de persoas sumáronse á manifestación convocada coa fin de denunciar a "deficiente atención sanitaria que está a recibir o municipio".

A ela asistiron todos os grupos políticos, que fixeron fincapé en que as manifestacións "continuarán mentres a Xunta non faga caso das necesidades das que adoece o centro de saúde de Cuntis".

Engaden, ademais, que a Xunta de Galicia "non está tendo en conta as reivindicacións que fan dende a corporación municipal" e por iso convocarán unha nova manifestación para o vindeiro venres 17 de decembro que partirá dende o propio centro de saúde ás 20:00 horas e rematará na Praza da Constitución.

A esta manifestación uniranse o Partido Socialista e BNG de Moraña que están a sufrir o mesmo trato por parte da administración autonómica, algo que os partidos políticos de Cuntis agradeceron e se comprometeron a facer o mesmo no caso da manifestación en Moraña.