O voceiro municipal do BNG de Moraña, Marcos Suárez, vén de entregar unha carta dirixida ao alcalde José Cela na que a organización nacionalista solicita ao rexedor unirse á fronte común na defensa da atención primaria no centro de saúde, que se atopa, en palabras de Suárez nunha "situación absolutamente inasumiíbel e insoportábel tanto para o conxunto da veciñanza de Moraña como para os profesionais que traballan no centro".
Na misiva Suárez enumera os problemas que continúa arrastrando o centro de saúde, entre os que se atopan a falta de médicos, o que conleva a que se estean a dar citas médicas presencias e telefónicas cunha marxe de entre 18 e 20 días, a ausencia do pediatra compartido con Cuntis, a formación de colas diarias dentro e fóra do centro, ou a ausencia de persoal auxiliar que produce que non se collan chamadas telefónicas durante mañás enteiras.
Suárez lembra que a veciñanza de Moraña xa leva anos amosando o seu rexeitamento aos recortes continuados no centro de saúde con campañas de recollidas de sinaturas, preguntas no Parlamento e incluso dúas concentracións e outras dúas manifestacións compartidas co Concello de Cuntis na demanda da praza compartida de pediatría.
Por iso, entende que "é máis necesario ca nunca camiñar xunto á veciñanza e non quedar atrás na reclamación do dereito de todas e todos de poder contar cunha atención pública de calidade".
O voceiro municipal nacionalista asegura que este é o momento de "establecer unha estratexia conxunta de Concello, de pobo, para fortalecer, defender e mellorar a Atención Primaria do Centro de Saúde de Moraña, e por iso agardamos que todas as organizacións políticas, e tamén o Partido Popular de Moraña se sumen e poidamos traballar conxuntamente para reverter os recortes provocados durante anos no noso centro de saúde".
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.