A licitación do novo contrato do lixo avanza e só está á espera dos últimos informes xurídicos

Pontevedra
27 de xaneiro 2022

Raimundo González, concelleiro responsable deste departamento, asegura que será "un contrato digno do século XXI" e que o orzamento que manexa o Concello é sensiblemente superior aos 10 millóns de euros

Limpeza de contedores de lixo en Pontevedra
Limpeza de contedores de lixo en Pontevedra / Concello de Pontevedra

"Queremos que sexa un contrato digno do século XXI", declarou o concelleiro responsable da xestión de residuos en Pontevedra, Raimundo González, despois de asegurar que os trámites previos á saída do contrato da xestión do lixo a concurso están xa na súa fase final, aínda que preferiu evitar marcar prazos concretos. 

"É un tema que me quita o soño", recoñeceu para destacar a importancia dun servizo que servirá para modernizar todo o relacionado coa xestión de residuos na cidade, debido a que centralizará a limpeza de rúas, a recollida de voluminosos, a xestión de puntos limpos, o transporte e o tratamento do lixo, así como a reciclaxe e o plan de compostaxe.

"A intención é sacalo a concurso canto antes", insistiu o edil nacionalista, quen asegura que xa están listos todos os informes técnicos e a apertura do expediente, aínda que aínda non recibiron os informes xurídicos pertinentes para sacar o contrato a concurso.

Un contrato que no orzamento municipal está cifrado en pouco máis de 10 millóns de euros, pero que, segundo avanzou González, o importe de licitación será lixeiramente superior para garantir a calidade dun servizo que na ctualidad quedouse anticuado. 

Neste sentido, lembra o concelleiro que algúns lotes deste apartado xa foron adxudicados, como a limpeza das dependencias municipais, das instalacións deportivas, dos colexios e o control de pragas. 

Comprometeuse Raimundo González a, no prazo dunha semana, comparecer de novo ante os medios de comunicación para dar todos os detalles da saída a concurso do novo contrato de xestión de residuos de Pontevedra.