O novo contrato da xestión do lixo contemplará o residuo como un recurso e buscará reducir a pegada do CO2

Pontevedra
04 de febreiro 2022

Raimundo González, concelleiro de Xestión de residuos urbanos, explicaba que sairá a licitación do contrato deste servizo por un importe de 10.702.000 euros e cunha duración de 20 anos. Establece que en tres anos deberá estar en funcionamento a planta de distribución da Canicouva e incrementará nun 50% o número de traballadores actual pasando a ser un cadro de persoal de 163 efectivos

Recollida de lixo
Recollida de lixo / Concello de Pontevedra - Arquivo
Melloras do novo contrato de xestión de residuos para Pontevedra /

O contrato da xestión de residuos do Concello de Pontevedra sairá a licitación por un importe de 10.702.000 euros e cunha duración de 20 anos. Raimundo González, concelleiro responsable da área, explicaba este venres que o novo contrato se atopa xa na súa última fase de preparación antes de saír a licitación e anunciou que suporá unha transformación radical, unha "auténtica revolución" tanto na prestación de servizos á cidadanía como en relación co aspecto ambiental.

Sinalou que permitirá o despregamento da economía circular no Concello de Pontevedra cambiando o concepto tradicional sobre o lixo, que en lugar de considerarse "inmundicia" deberá analizarse como un "recurso". Afirmou que un dos puntos máis importantes do novo contrato centrarase na rebaixa da pegada do CO2

Raimundo González indicaba que este contrato primará ou penalizará a queima de residuos e atenderá ao mandato da Unión Europea que establece que en 2025 o 55% dos residuos sexa reciclado, unha porcentaxe que se incrementará no ano 2030 ata o 60%. O goberno local aposta por superar estes mínimos legais. Para lograr este obxectivo, a empresa concesionaria estará obrigada a implicarse na prestación do servizo tanto na redución de residuos como na súa reciclaxe. A retribución que obteña será menor se non cumpre co plan establecido. "Non ten unha contía garantida", segundo expuxo González indicando a principal diferenza neste sentido co contrato actual. Canto máis se composte e menos carbonos se emitan, máis beneficios obterá a empresa que se faga co concurso.

O contrato tamén recollerá unha novidade en relación co parque de maquinaria, de forma que o 14% dos vehículos de máis de 25 toneladas terán que ser limpos utilizando gas para desprazarse. A normativa actual só establece un 10% neste apartado, sinalou o concelleiro. No concurso tamén se terá en conta para a puntuación aquelas empresas que ofrezan máis vehículos limpos, á marxe dos eléctricos de tamaño usuario como as furgonetas que se utilizan para algúns servizos no centro urbano.

Tamén se propoñerán melloras na estrutura organizativa. Pasarase dun técnico municipal e dun vixiante que se encarga de comprobar o cumprimento do contrato a un incremento de efectivos para o traballo administrativo e tamén na empresa concesionaria para potenciar diferentes cuestións como campañas de sensibilización cidadá, inspección e control do proceso de tratamento dos residuos.

No novo contrato recóllese que aumentará o persoal ata os 163 empregados

Incrementarase o persoal ata os 163 empregados, un 50% máis do actual persoal, que se sitúa en 106. Dese colectivo, 25 encargaranse da nova planta de tratamento prevista na Canicouva. Tamén se poñerán en marcha outras actividades que van desde a pre-recollida coa instalación de contedores e papeleiras ata a recollida, transporte, clasificación en planta, control de composteiros e tratamento final dos residuos recolleitos a través dunha xestión integral dos lixos.

O investimento total previsto polo Concello para este servizo ascende a 23 millóns de euros coa posta en marcha da futura planta de compostaxe prevista na Canicouva, que contará cun orzamento de 10.3 millóns de euros. O concelleiro Raimundo González considera que será un contrato innovador, que irá máis aló da lexislación sobre residuos que se atopa en trámites no Senado, e presentarase como un proxecto "singular digno do século XXI". 

En canto á repercusión que terá sobre o recibo, o concelleiro asegurou que non suporá un incremento no pago que actualmente realiza a cidadanía por este servizo e, engadiu que se estudará a posibilidade de bonificacións segundo o tratamento de residuos que se faga. González apuntou que un dos obxectivos céntrase en que a poboación vexa a necesidade de reciclar e comprobe en que todo se volve a "utilizar directa ou indirectamente".