O sistema de recollida de lixo no centro histórico de Pontevedra cambiará radicalmente co novo contrato, cuxa licitación ultima o Concello.
Os contedores serán 'de quita e pon'. É dicir, colocaranse cada día a unha hora determinada e retiraranse tras recoller o lixo dos seus residentes. Así se recolle no proxecto de explotación e en plan de viabilidade do servizo.
Ao existir xa a recollida porta a porta de papel/cartón e vidro, este cambio afectará os contedores verdes (fracción resto) e marróns (residuos orgánicos). Pero será decisión da empresa se tamén retira a diario os recipientes do resto de recollida selectiva.
Os operarios deberán, por tanto, distribuír cada tarde os contedores polo centro histórico e, tras fixar unha hora determinada para a recollida -sempre entre as 20 e as 23 horas-, terán que retiralos.
O obxectivo desta medida, unha das principais novidades que terá o novo servizo de recollida de lixo, é "salvagardar" o centro histórico e recuperalo "para uso de todos", segundo explicou o edil responsable da área de residuos, Raimundo González.
O estudo de viabilidade fixa unha retribución máxima para a empresa adxudicataria de 10,7 millóns de euros anuais durante os vinte anos de extensión do contrato, no que se inclúe ademais un investimento inicial "necesario" de máis de 23 millóns de euros.
Dentro deses investimentos, a compañía que xestione este servizo deberá destinar 10,2 millóns de euros para a construción da nova planta de compostaxe da Canicouva. O resto será para a compra de maquinaria, segundo consta no documento.
Ademais, a adxudicataria estará obrigada a cambiar todos os contedores e a renovar a práctica totalidade dos seus materiais, entre eles tamén os camións, aos dez anos.
O novo contrato obriga ás empresas interesadas na licitación para realizar un notable incremento no persoal de traballadores, que chegará ata os 160, e a retribución que reciba por parte do Concello poderá variar en función de varios parámetros.
Pontevedra fixará inicialmente un pago de 314 euros por cada tonelada de residuos que se recolla, pero este prezo poderá variar. Así, se se reduce o lixo xerado cobrarán máis e se, pola contra, aumenta a súa cantidade verán penalizados os seus ingresos.
Raimundo González explicou que isto provocará que a empresa adxudicataria non se limite a prestar o servizo, senón que estarán " vixiantes" ante un mal comportamento cidadán e "terán que velar porque iso non suceda" ofrecendo á cidade un "compromiso maior".
O aumento do custo deste contrato para as arcas públicas, a pasar de seis a dez millóns de euros anuais, segundo reiterou o edil do BNG, "non vai a repercutir no peto dos cidadáns", xa que non aumentarán as taxas que pagan os pontevedreses por este servizo.
Pola contra, engadiu, a "vontade" do goberno municipal é a de aprobar bonificacións "nalgúns casos", que estarían vinculadas coa redución na cantidade de lixo xerado en determinados barrios ou áreas do municipio.