A limpeza do Pavillón de Monte Carrasco de Marcón pasará a ser semanal

Pontevedra
22 de maio 2023

Na Xunta de Goberno deste luns aprobábase a modificación do contrato do servizo de limpeza en determinadas dependencias municipais e instalacións deportivas. O importe total por esta ampliación das actuacións de limpeza elévase a 141.698 euros

Campo de rugby de Monte Porreiro
Campo de rugby de Monte Porreiro / Concello de Pontevedra

A Xunta de Goberno do Concello de Pontevedra aprobaba este luns a modificación do contrato de limpeza tanto as dependencias municipais e deportivas

Anabel Gulías, voceira do goberno local, explicaba que se amplía o contrato en establecementos municipais como o parque de Bombeiros e a sede da Policía Local, onde se realizaron reformas que ampliaron a superficie das dependencias e era necesario axustar o servizo, segundo indicou a representante do goberno.

A estes espazos súmase o segundo piso e o baixo cuberta das dependencias de Santa Clara, do edficio da Redeira. Neste centro atópase tanto o CIM como a sede de empresas galegas innovadoras do Pont-Up Store e, por este motivo, amplíase o espazo de limpeza.

Ademais, neste contrato tamén se incorpora o Pazo da Cultura co Recinto Feiral e o Teatro Principal. Con esta incorporación facilítase o seguimento e a racionalización dos recursos públicos, segundo explicou Gulías. Tamén se inclúen os dous centros sociais novos, o dos Campos en Mourente, e o de Cacheiro, na Canicouva. 

Neste servizo se reprograman as limpezas en sedes como Churruchaos e na antiga sede do conservatorio en Alfonso XIII, edificios que se someterán a reformas. 

Esta modificación conleva un investimento de 98.004 euros, que figura no Lote 1. 

INSTALACIÓNS DEPORTIVAS

No apartado de instalacións deportivas, está previsto que o Pavillón Monte Carrasco de Marcón pase a ter unha limpeza unha vez á semana, a diferenza dunha vez ao mes que permanecía ata o de agora. 

O campo de rugby de Monte Porreiro pasará dunha vez ao mes a 15 días

No pavillón da Xunqueira incrementarase a superficie, ao incorporarse as novas bancadas da primeira planta. Tamén os pavillóns anexos de centros escolares verán reforzado o servizo, ao intensificarse a súa utilización. Limparanse unha vez á semana os pavillóns de Fina Casalderrey, A Xunqueira 2 e o polideportivo de Cabanas.

O investimento nestas instalacións sitúase en 43.698 euros.

OUTRAS APROBACIÓNS

Tamén se aprobaba na Xunta de Goberno Local a prórroga de consultoría xeral do programa Edusi para asistencia técnica, por unha cifra de 15.729 euros, por un período de seis meses a partir do 3 de xuño.

Tamén se aprobaba unha proposta de adxudicación para o seguro de responsabilidade civil do Concello, que asume AXA Seguros, cunha oferta de 80.000 euros, vinte mil euros menos dos que figuran no contrato actual.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora