A Lores "non lle entran na cabeza" as críticas do PP ao novo plan de tratamento de lixo

Pontevedra
09 de marzo 2016

O alcalde de Pontevedra considera que o concello tiña unha materia pendente en relación coa recollida e tratamento do lixo xa que Sogama supón un custo económico de dous millóns de euros anuais para as arcas municipais

Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra
Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra / Mónica Patxot
Lores lamenta as críticas da oposición ao plan de tratamento de lixo /

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, lamenta as críticas efectuadas polo portavoz do Partido Popular, Jacobo Moreira, ao novo plan de tratamento do lixo que está a desenvolver o goberno local.

Lores realizou un paralelismo coas críticas que sufriu a peonalización cando se comezou a aplicar no centro histórico e o Partido Popular presentou un recurso que nunca retirou. Da mesma forma, o rexedor entende que Pontevedra tiña unha materia pendente en relación coa recollida das basuras: "Eramos un concello do montón" apuntou Fernández Lores ao referirse a que se está xestionando os residuos enviándoos a Sogama e queimándoos con custos elevadísimos tanto sociais como económicos ascendendo a dous millóns de euros ao ano.

Neste sentido, o alcalde pontevedrés sinalou que igual que co modelo urbano, están a observar o que se fai no mundo para reducir custos e aproveitar o máximo dos lixos. "O lixo é de todos", indicou o dirixente nacionalista sinalando que os residuos se producen en cada domicilio e é responsabilidade de quen os produce. Por ese motivo, apuntou que o goberno local está a buscar o sistema máis barato posible e medioambientalmente razoable.

Desta forma, considera que non é correcto que se poñan tachas antes de empezar cando se está desenvolvendo este proceso polas pautas que marca a lexislación, que obriga a recuperar o 50% da materia orgánica. Engadiu que non lle entra na cabeza como alguén se pode opoñer a mellorar as cousas e acusou aos populares de "facer brincadeiras dunha cousa que é seria".

Lores apuntou, ademais, que mentres non se constrúa a planta da Canicouva os residuos dos composteiros comunitarios poderíanse trasladar a algunha das tres plantas de reciclaxe privadas que se atopan na provincia.