A manifestación pola PO-234 enfronta ao goberno local de Ponte Caldelas con Cotobade e o PP

Ponte Caldelas
14 de setembro 2016
Actualizado: 16:32

O Concello destaca que foi a Xunta de Galicia quen situou a protesta pola PO-234 na campaña electoral e o goberno local anuncia que presenta alegacións diante da Xunta Electoral despois de que o PP solicitara que se prohíba a manifestación

Grupo de goberno de Ponte Caldelas
Grupo de goberno de Ponte Caldelas / Concello de Ponte Caldelas

O goberno local de Ponte Caldelas presentaba este mércores 14 alegacións ante a Xunta Electoral Provincial en resposta á presentación por parte do Partido Popular dunha solicitude formal para que se prohiba a manifestación convocada para o vindeiro sábado 17 en protesta pola decisión da Xunta de Galicia de non acometer as obras de reforma da estrada PO-234 ao seu paso por Laxoso en Ponte Caldelas, mentres si se van a levar a cabo en Cotobade.

O grupo de goberno do tripartito alegará que a consellería de Infraestruturas emitiu ata tres notas de prensa sucesivas que coincidiron co inicio da campaña electoral e ademais desde a alcaldía sinalan que a Xunta tratou de culpar ao Concello de Ponte Caldelas esixíndolle un ambiguo trámite de "obtención de terreos". O goberno local entende que a vía está incluída na Rede Autonómica de Estradas e, por tanto, os concellos só poden realizar un labor de información e mediación cos propietarios particulares e a comunidade de montes, que xa levaron a cabo en xuño.

Andrés Díaz, alcalde de Ponte Caldelas, afirma que a convocatoria da manifestación só responde a unha discriminación política realizada, unilateralmente, desde a Xunta de Galicia coincidindo co arranque da campaña electoral.

Díaz apunta, ademais, que a manifestación está aberta a todos os partidos políticos entre os que se atopa convidado o Partido Popular. E asegura que o manifesto ao que se dará lectura ao finalizar a mobilización non se fará alusión a ningunha sigla ou a algunha ideoloxía política senón que apelará ao entendemento entre partidos e entre Administracións públicas. Ademais, tampouco se realizará unha petición de voto, apuntan desde o goberno local.

DECLARACIÓNS DO ALCALDE DE COTOBADE

O alcalde de Cotobade, Jorge Cubela, quixo respostar ao seu homólogo de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, que aseguraba, nas recentes xuntanzas cos veciños de Laxoso pola mellora da estrada PO-234, que a cesión de terreos gratuíta a prol dunha administración era ilegal e que por iso había que acometer un proceso expropiatorio.

"Novamente volve a estar moi desinformado, xa que o Regulamento xeral de Estradas de Galicia, publicado no DOG o 20 de xuño de 2016, recolle explicitamente como fórmula válida a cesión de terreos nos seus artigos 76 e 77", explicou Cubela, que lamentou que o rexedor caldelán "estea inmerso na mentira e na demagoxia en todo este proceso malia que iso perxudique aos veciños de Cotobade e aos seus propios".

O rexedor cotobadés lembrou que a Xunta "deixou claro dende o principio" que só acometería esta mellora da PO-234 se se cedían os terreos e non había que iniciar ningún proceso expropiatorio. Así, a Consellería de Infraestruturas decidíu comezar a obra por Cotobade, no treito Augasantas-cruce de Portasouto, "xa que nos estivemos traballando na consecución das parcelas afectadas todo o verán e o departamento autonómico xa ten o acordó de cesión da comunidade de montes de Augasantas, que é o principal afectado". 

Por todo isto, pedíulle que abandone "o escapismo" e acade dunha vez, con compromisos asinados, os terreos correspondentes ao treito da PO-234 pertencente a Ponte Caldelas, "porque a Xunta ten preparada unha partida de 670.000 euros para acometer a segunda fase e que toda a estrada quede mellorada, que é o que queren os veciños". "Fixo ben en convocar a reunión de xullo e pulsar a opinión dos veciños para acadar os terreos, pero logo non fixo nada máis e a solución é ben sinxela: ten que conseguir a cesión de terreos asinada da comunidade de Laxoso e dos demais veciños e trasladarlla á Xunta, pero empezo a ter a impresión de que non ten gañas e prefire que lle fagan unha foto na manifestación surrealista que convocou para este sábado aínda que iso perxudique aos veciños e retrase a obra", lamentou Cubela.

O alcalde cotobadés, que cre que Díaz "vai a rebufo en todo este asunto e para tapar as súas carencias está tentando facer rebumbio", quixo deixar claro que "o importante é que van comezar as obras" tras moitos anos de demanda ante a Xunta. 

Arquivado en