Un encontro no Hotel Rías Bajas, que contou coa presenza de Ana Pastor, presidenta do Congreso dos Deputados, serviu para que o Partido Popular demostre que a súa maquinaria xa está en marcha de cara as eleccións municipais de 2019.
O PP reuniu os coordinadores de distrito da formación co obxectivo de facer balance do traballo realizado nos últimos meses e determinar as accións estratéxicas do "músculo" do partido.
"Os nosos coordinadores son unha parte importante do noso partido, cuxa labor desinteresada queremos recoñecer e agradecer novamente", sinalou o presidente da formación, Jacobo Moreira, quen destacou "o esforzo e traballo constante de todos eles".
"Queremos agradecerlles o seu apoio, a súa colaboración, pois sempre que lles solicitamos axuda amosan total e absoluta disposición", recoñeceu o presidente local, "formamos un gran equipo, no que todas as persoas participan, ofrecen a súa opinión e as súas achegas, e todas elas as temos en conta á hora de traballar por e para Pontevedra", engadiu.
O acto enmárcase na rolda de encontros que nos últimos meses vén mantendo a formación encabezada por Jacobo Moreira, a última reunión, cos responsables das parroquias, permitiu afondar nos problemas que máis preocupan aos veciños das distintas parroquias de Pontevedra e fixar propostas a presentar no Concello.
Par Moreira, o PP é o partido líder da oposición e configúrase como a alternativa de goberno no Concello de Pontevedra, "pois os demais partidos xa se retrataron como o sostén do goberno cando este está en apuros, caso por exemplo da aprobación dos orzamentos".