A marcha solidaria '700 camisetas contra a leucemia' di adeus: o 1 de xaneiro abre as inscricións para a súa última edición

Pontevedra
31 de decembro 2023

"Dános moita pena dar esta noticia, pero ao mesmo tempo ilusiónanos que poidamos chegar a esta edición moitas persoas", indican desde a asociación. Esta marcha percorrerá por última vez os 35 quilómetros que separan camiñando as cidades de Vigo e de Pontevedra co lema 'A derradeira'

Algúns dos participantes na marcha contra a leucemia 2023
Algúns dos participantes na marcha contra a leucemia 2023 / Cristina Saiz

A marcha solidaria '700 camisetas contra a leucemia' organizada pola asociación FRANGIL deixará de celebrarse tras 15 anos gritando e informando sobre a doazón de medula ósea en Galicia. Este 2024, organizarán a súa última edición. 

Así o anunciou a asociación nos últimos días. Explicaron que o luns 1 de xaneiro de 2024 abrirán as inscricións da súa 15ª e última edición. Será o domingo 9 de xuño, partirá do centro comercial Vialia de Vigo e chegará á praza da Peregrina de Pontevedra. 

"Dános moita pena dar esta noticia, pero ao mesmo tempo ilusiónanos que poidamos chegar a esta edición moitas persoas", indican desde a asociación. .

A organización abre as inscricións no portal  https://www.inscribirme.com/15amarchasolidaria700camisetascontralaleucemiaaderradeira ou a través da web www.asociacionfrangil.org.

Xa avisan que "esta edición será irrepetible" e que "non vai pasar desapercibida no calendario das persoas que utilizan o movemento como nexo de solidariedade social".

Ao longo dos anos, esta camiseta contra a leucemia percorreu moitos quilómetros co propósito de transmitir unha mensaxe de vida. "Doa medula ósea, regala vida en Vida" foi o seu leit motiv.

Esta marcha percorrerá por última vez os 35 quilómetros que separan camiñando as cidades de Vigo e de Pontevedra co lema 'A derradeira'. 

A asociación deixa de organizar esta marcha, pero continuará funcionando. "Reinventarémonos con novos proxectos en novos escenarios, pero este ciclo péchase con esta "derradeira" no noso 15 aniversario", avanzan.